A Xunta destina 3,6 M€ a colaborar con todos os concellos lucenses na mellora dos camiños municipais

O delegado territorial, Javier Arias, explica que ata o 1 de marzo poden presentarse solicitudes ao abeiro da nova convocatoria, que incrementa o investimento na provincia nun 20%

Actualmente están en execución as obras aprobadas para o bienio 2020-21, que suman máis de 3 millóns de euros dos que xa se abonou o 50%

O Corgo (Lugo), 3 de febreiro de 2021

A Xunta de Galicia colabora cos concellos lucenses na mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas, a través dun programa de axudas directas que no bienio 2021-2022 suporá un investimento de máis de 3,6 millóns de euros na provincia (3.665.799 euros).

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que a Consellería do Medio Rural vén de publicar unha nova convocatoria deste plan, que incrementa o orzamento en Lugo nun 20% con respecto á anterior. O prazo para que os concellos presenten as propostas de actuación finaliza o 1 de marzo.

Neste sentido, lembrou que actualmente están en execución as obras financiadas ao abeiro do plan 2020-2021, e sinalou que a consellería xa abonou o 50% dos 3.070.700 euros que sumaron as achegas na provincia.

O delegado comprobou o resultado de varios traballos xa rematados no Corgo, acompañado do alcalde, Felipe Labrada. O municipio tiña asignados 54.100 euros nesa edición e pasa a contar con 61.800 euros para os novos proxectos que presente, a desenvolver nos vindeiros meses.

A finalidade deste programa -cofinanciado con fondos Feader e xestionado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader)- é darlle un pulo ás condicións de vida nas aldeas mediante o acondicionamento das vías que dan acceso ás parcelas agrarias, que son as canles de entrada e saída das producións rurais. Co arranxo deses camiños, a Xunta contribúe á vertebración do territorio, dinamizando o tecido produtivo e mellorando a capacidade organizativa desas áreas.

As achegas financian accións de ampliación, mellora ou mantemento dos camiños, incluíndo tanto as que supoñan un incremento da largura da vía, como o reforzo do firme e terrapléns ou a limpeza das marxes.

Cabe lembrar que, para dar servizo a cada unha das localidades da comunidade, se estableceron uns criterios de distribución das asignacións económicas previamente consensuados coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Estes criterios determináronse a partir dun importe fixo por concello, habitante e entidade de poboación, dentro duns límites de máximos e mínimos, co fin de garantir unha repartición equitativa. A estas variables incorporáronse factores correctores vinculados á superficie, ao peso do agro en cada municipio, así como ao grao de despoboamento e de envellecemento.