Trenor visitou o operativo do cribado de detección da covid-19 en Oroso no que se convocará a 1.700 persoas

O delegado da Xunta informou que o cribado comezou o pasado luns e rematará o xoves 4 de febreiro

Na área de Santiago estanse a realizar cribados a preto de 17.000 persoas en Santiago, Oroso, Padrón, Boqueixón, Val do Dubra, Rois, Dodro e Ordes

Oroso (A Coruña), 02 de febreiro de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou, esta tarde, no centro de saúde de Oroso o cribado poboacional que se está levando a cabo neste Concello no que está previsto que se chame a 1.700 persoas entre 31 e 50 anos. A toma de mostras comezou o pasado luns e se prolongará ata o xoves 4 de febreiro.

Trenor lembrou que a convocatoria estase a realizar mediante un sms a todos aqueles seleccionados que teñen un móbil rexistrado na súa tarxeta sanitaria. Ademais, recalcou que “ao longo dos meses da pandemia a Dirección Xeral de Saúde Pública, conxuntamente, coa Xefatura Territorial de Sanidade da Xunta e o Servizo de Medicina Preventiva do CHUS , determinan os concellos e os colectivos aos que é recomendable realizar a proba en base á análise da situación de diversos indicadores, non só cifras absolutas de casos”.

Neste senso, recalcou que na área de Santiago o SERGAS ten en marcha cribados na cidade de Santiago de Compostela (9.000), Oroso (1.700), Padrón (1.240). Boqueixón (777), Val do Dubra (750), Rois (700) , Dodro (500) e Ordes (2.300). En total nesta área preto de 17.000 persoas foron ou están sendo citadas para realizar cribados.

O delegado da Xunta agradeceu a participación de todos os cidadáns porque este importante esforzo realizado polo SERGAS permite axudar a acotar os casos positivos e se suma aos estudos de sospeitas e das contornas dos casos positivos detectados. Estes cribados poboacionais únense aos que se están facendo de forma periódica aos colectivos sociais residentes e profesionais dos centros sanitarios, e a outros colectivos como Policía Local ou persoal de Axuda no Fogar, entre outros.

Imaxes relacionadas