Luisa Piñeiro fai un chamamento aos 2.800 veciños da Estrada convocados ao cribado de detección da covid-19 para que participen co obxectivo de “protexer a saúde e frear os contaxios”

A delegada territorial, que acudiu á primeira das tres xornadas programadas xunto ao alcalde, José López, destaca o “compromiso e esforzo” do Sergas para realizar estas probas orientadas á detección de casos asintomáticos

A iniciativa, organizada pola Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, oriéntase a persoas de entre 31 e 50 anos, que foi a franxa determinada polos criterios sanitarios e sociais, e celebrarase no novo centro de saúde
 

A Estrada (Pontevedra), 2 de febreiro de 2021

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, acudiu esta tarde ao centro de saúde da Estrada para asistir ao inicio do cribado de detección da covid-19 impulsado pola Área Sanitaria de Santiago e Barbanza e fixo un chamamento aos 2.800 veciños convocados para que participen masivamente nestas probas “co obxectivo de detectar casos asintomáticos para frear a transmisión e os contaxios e protexer a saúde dun dos concellos máis poboados da provincia de Pontevedra”.

A representante autonómica, que compareceu acompañada do alcalde da Estrada, José López, quixo destacar o “compromiso e esforzo” que está a realizar o Sergas para conter a pandemia en todos os territorios e, especialmente, na provincia de Pontevedra, onde se citaron a máis de 47.000 persoas a estas probas entre a semana pasada e a actual. Así, xa se realizaron en Vigo, Poio, Silleda, Forcarei e Salvaterra e vanse efectuar nestes días en Moraña, Soutomaior ou Ponte Caldelas, sen contar outro de tipo de cribados máis pequenos, como os dos centros educativos, ou os orientados a colectivos específicos.

“Toda a Xunta de Galicia está volcada fronte á crise sanitaria e loxicamente actuamos alí onde é máis necesario, como é o caso da Estrada, que ten 148 casos a día de hoxe e unha incidencia lixeiramente superior aos 700 casos por cada 100.000 habitantes”, manifestou a delegada, que tamén quixo expresar a súa tristura e trasladar as súas condolencias polos nove falecidos da Estrada como consecuencia da covid-19 -o derradeiro a pasada fin de semana- dende que comezou a pandemia.

Luisa Piñeiro, que non quixo acceder ao centro de saúde por prudencia e respecto ao traballo e privacidade do proceso, reiterou a importancia da participación “para cortar de raíz os actuais niveis de contaxios” na Estrada e explicou que a poboación diana seleccionada, de 2.800 veciños de entre 31 e 50 anos, determinouse en base a criterios sanitarios e de relacións sociais e familiares do municipio “para optimizar a localización de casos nun tempo áxil, xa que a transmisión que hai neste concello precisa de datos rápidos para proceder a realizar actuacións inmediatas”.

Este proceso de cribado prolongarase durante tres xornadas, xa que tamén haberá controis nas tardes de mañá e do xoves, a través de equipos de enfermería e os veciños convocados serán informados a través de SMS telefónico. En canto aos resultados, trasladaranse por medio de mensaxe en caso negativo e vía telefónica para os positivos.

Imaxes relacionadas