A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, detallou na Comisión 2ª do Parlamento os avances da Xunta no impulso destas actuacións no municipio

A Xunta insta á Dirección Xeral da Costa e o Mar a axilizar os trámites para poder avanzar na mellora da rede de saneamento e na execución dunha nova depuradora en Burela

Teresa Gutiérrez concreta que Augas de Galicia comezará este mes a supervisión do proxecto de mellora da rede de saneamento, cuxa redacción está case rematada

No que se refire á construción da nova depuradora, indica que xa se licitou a redacción do proxecto e se procederá en breve á súa adxudicación

Explica que a nova depuradora incluirá sistemas de pretratamento, tratamento biolóxico e desinfección para dar resposta ás carencias da actual planta

Apela á colaboración do Concello para axilizar os trámites ante o departamento estatal de Costas que debe emitir o informe necesario para avanzar nestas obras estratéxicas

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2021

A Xunta insta á Dirección Xeral da Costa e o Mar, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, a axilizar os trámites para poder avanzar na mellora da rede de saneamento e na execución da nova depuradora de Burela.

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, explicou hoxe na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia que a Xunta está a colaborar co Concello de Burela na mellora do seu sistema de depuración, a pesar de que o saneamento é unha competencia local.

Concretou que o Goberno galego está a impulsar dúas actuacións no municipio, a mellora da rede de saneamento e a execución da nova estación depuradora de augas residuais.

En relación á mellora da rede de saneamento, precisou que Augas de Galicia comezará ao longo deste mes a supervisión do proxecto, cuxa redacción está a piques de rematar.

Detallou que se prevé a instalación dunha estación de tratamento e bombeo de augas residuais na zona portuaria para concentrar o caudal recollido polos colectores da contorna do porto e permitir o seu bombeo á nova depuradora.

No que se refire á segunda actuación, a nova depuradora, a directora sinalou que xa se licitou a redacción do proxecto e se procederá en breve á súa adxudicación.

Sinalou que debido ás deficiencias detectadas na actual depuradora, a nova planta, que se construirá na zona de servizo do porto, incluirá sistemas de pretratamento, tratamento biolóxico e desinfección.

Teresa Gutiérrez concretou os avances da Xunta nas actuacións comprometidas. Non obstante, apuntou que fronte a eses progresos, o departamento estatal de Costas emitiu o pasado ano un informe no que plantexa cambios de ubicación do proxecto, a pesar de que a alternativa da Xunta é compatible coa normativa.

Explicou que esta solicitude da Administración estatal implicaría a necesidade de iniciar de novo todos os procedementos xa tramitados para volver obter as autorizacións.

Teresa Gutiérrez explicou que Augas de Galicia xa elaborou unha análise de compatibilidade do proxecto de mellora do saneamento e da EDAR de Burela cos obxectivos da Estratexia Mariña da Demarcación Noratlántica.

Concretou que o organismo hidráulico autonómico está actualmente rematando a redacción do proxecto da rede de saneamento para envialo ao organismo estatal de Costas.

Neste sentido, tamén apelou á colaboración do Concello de Burela para axilizar os trámites ante o departamento estatal, que debe emitir o informe necesario para avanzar cara a estas obras estratéxicas.