Feijóo aborda co alcalde de Bóveda os proxectos de maior interese para o concello

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, abordou hoxe co alcalde de Bóveda, José Manuel Arias López, os proxectos de maior interese para o concello.

Durante a reunión, o presidente da Xunta incidiu en que, unha vez que se aprobe a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, garantirase a seguridade xurídica para retomar o proxecto da regulación dos usos das terras de regadío do Val de Lemos. Nesa liña, Feijóo valorou positivamente que xa haxa titulares interesados en participar neste proxecto que busca o aproveitamento de terras actualmente improdutivas por parte de demandantes de superficie.

A maiores, avaliaron a solicitude por parte do Concello dunha axuda da Orde de mellora de infraestruturas en parques empresariais e viveiros para unha nave loxística, así como os usos do viveiro forestal dos Trollos.

En relación coa pandemia, o responsable do Goberno galego destacou a colaboración entre ambas administracións, coa entrega de material -máscaras, xel hidroalcólico, luvas, batas, traxes, desinfectantes e pantallas faciais- para a loita contra a covid por parte da Administración autonómica.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta