O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia

A Xunta destaca o selo social do Plan de Transporte Público de Galicia, que supón a modernización dos servizos e inclúe bonos con descontos de entre o 50 e o 75% do prezo dos billetes

O director subliña que a implantación do novo Plan, que vén de culminar, significou a renovación de 3.100 liñas de autobús, que prestan cada mes 300.000 servizos

Detalla que con estes incentivos, un usuario recorrente no traxecto entre Vigo e Pontevedra pasa de pagar 74 euros ao mes a 27,50, é dicir, un aforro anual de 500 €

Salienta as importantes baixadas de prezos acadadas en traxectos como Ferrol-A Coruña, que pasou de 7,5 a 3,5 euros; de Tomiño a Vigo, que baixou de 5 a 3,5 euros; ou do Rosal a Vigo, que se reduciu desde os 6,75 aos 4,5 euros

Avanza que antes do verán a tarxeta Xente Nova estenderase a toda Galicia, permitindo que todos os menores de 21 anos viaxen gratis no autobús interurbano

Remarca que a activación nos vindeiros meses da Área de Transporte de Galicia ampliará a toda a comunidade as vantaxes económicas do transporte metropolitano

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2021

O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, destacou hoxe na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia o selo social do Plan de Transporte Público de Galicia, ao mellorar os servizos e dispoñer de tarifas e bonificacións que contribúen á economía das familias.

Ignacio Maestro subliñou que Galicia dispón hoxe dun transporte público integramente renovado que responde ás demandas sociais. Precisou que esta renovación culminou o 23 de decembro coa posta en marcha dos últimos contratos de transporte.

Salientou a magnitude desta modernización, ao activarse 127 contratos que configuran a rede autonómica de transporte e renovarse máis de 3.100 liñas de autobús, prestándose cada mes 300.000 servizos na comunidade.

Explicou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén desde o primeiro momento o seguimento do funcionamento do transporte público co obxectivo de aplicar os axustes ou melloras puntuais que sexan precisos.

Fixo fincapé en que os galegos viron mellorado o servizo de transporte público, cunha baixada xeneralizada nos prezos, pois as tarifas dos contratos do novo plan son inferiores ás que se aplicaban anteriormente, contendo ademais a opción de aplicar novos descontos.

Por exemplo, o billete sinxelo entre A Coruña e Ferrol baixou dos 7,5 euros ata os 3,5 euros, acadando un desconto do 60%.

Nas comarcas do sur de Vigo, desde O Rosal á cidade, o billete baixou dos 6,75 euros aos 4,50 euros, un 30 % menos no prezo; do mesmo xeito que desde Tomiño, os usuarios pagan agora en efectivo 3,50 euros fronte aos 5 euros previos.

O director tamén se referiu ao traxecto Pontevedra-Vigo, cuxo novo contrato ofrece bonos mensuais de 26 ou 46 viaxes cun desconto do 75%, resultando cada viaxe a 0,60 euros, un terzo do que custaba a anterior opción máis vantaxosa.

Detallou que un traballador que realice a diario esta viaxe, pasa de pagar uns 74 euros cada mes a 27,50 euros, é dicir, 500 euros de aforro ao ano.

Engadiu que entre a maior parte dos concellos e as cidades están dispoñibles bonos mensuais con descontos que varían entre o 50% ou o 75%, supoñendo aforros importantes para os usuarios recorrentes.

Non obstante, sinalou que tamén existen descontos para quen viaxa con menos frecuencia, pois o pago coa tarxeta TMG supón unha bonificación do 10 % no billete.

O director xeral de Mobilidade tamén se referiu aos beneficios da tarxeta Xente Nova, que permite que, actualmente, os menores de 21 anos viaxen gratis nas áreas de transporte metropolitano, en 13 concellos da área de Pontevedra e en toda a provincia de Ourense. Adiantou que antes do verán esta tarxeta chegará a todas as liñas de transporte dependentes da administración autonómica, polo que os menores de 21 anos de toda Galicia viaxarán gratis no autobús da Xunta.

Explicou que, co obxectivo de continuar con esta extensión, vén de reforzarse o número de oficinas de Abanca nas que se expiden estas tarxetas en Galicia. A Xunta, con esta iniciativa, apoia a economía das familias, facilita os desprazamentos habituais da mocidade e fomenta o transporte público entre os máis novos.

Ignacio Maestro avanzou que nos próximos meses a extensión da Área de Transporte de Galicia a toda a comunidade continuará ampliando as vantaxes económicas grazas á colaboración cos concellos. Concretou que a partir desta área, os servizos de media distancia tamén se beneficiarán de bonificacións directas e dos transbordos gratis como ocorre nas actuais áreas de transporte metropolitano.

Imaxes relacionadas