A Xunta inicia as obras da primeira fase de ampliación da rede de abastecemento de auga no concello de Mesía, cun investimento de máis de 576.000 euros

A actuación, cun prazo de 8 meses, ten como fin dotar de abastecemento á zona oeste do municipio e ás parroquias de San Cristovo, Visantoña e Olas

Executarase unha rede de subministro de auga cun ramal principal e varios secundarios

O Goberno galego mantén o apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan prestar os servizos de saneamento e abastecemento, de competencia local

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de comezar as obras da primeira fase de ampliación da rede de distribución de auga no concello de Mesía, cun investimento autonómico de 576.000 euros.

Esta intervención, que financia e executa a Xunta, ten como obxectivo completar a rede de abastecemento de auga no municipio.

A actuación permitirá dar servizo a un total de 1.224 habitantes equivalentes para o ano horizonte 2042.

Trátase de dotar de abastecemento á zona oeste do concello, chegando nesta primeira fase á parroquia de San Cristovo, así coma a unha parte das parroquias de Visantoña e Olas. Na actualidade a parte leste do concello dispón de abastecemento.

Na intervención proxéctase a execución dunha rede de subministro que comeza coa execución do novo ramal principal desde o anel existente que se dirixe ata Visantoña e chega ata a estrada AC-223. De aí partirán a canalización principal e varios ramais.

O Goberno galego mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.

Imaxes relacionadas