A Xunta considera que a transferencia a Galicia da AP-9 é "máis necesaria que nunca" para unha xestión eficaz, "pegada ao territorio" e máis acorde aos intereses dos galegos

Ethel Vázquez salienta que o Goberno galego vén defendendo desde o ano 2009 o traspaso á Autonomía da súa principal vía de comunicación

Remarca que se trata dunha transferencia xuridicamente viable e beneficiosa para os usuarios, permitindo velar de forma directa pola calidade dos servizos e responder ás necesidades dos cidadáns

Lamenta que o actual Goberno de España cumpra de forma escrupulosa coas demandas da concesionaria mentres incumpre os compromisos adquiridos cos galegos para anular as subas extraordinarias da peaxes e bonificalas
 

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2021

A Xunta considera que a transferencia a Galicia da titularidade da Autoestrada do Atlántico, a AP-9, é “máis necesaria ca nunca” para acadar unha xestión da infraestrutura eficaz, pegada ao territorio e máis acorde aos intereses dos galegos.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, lembra que Proposición de Lei da Comunidade Autónoma para a transferencia da titularidade da AP-9 a Galicia que hoxe aspira á súa toma en consideración polo Congreso dos Deputados conta co respaldo unánime dos partidos galegos, que en tres ocasións votaron a favor no Parlamento autonómico, ademais de contar coa conformidade da Xunta.

A conselleira salientou que o Goberno galego vén defendendo desde o ano 2009 o traspaso a Galicia da competencia e titularidade da Autoestrada do Atlántico, que é a principal vía de comunicación da Comunidade e que vertebra o territorio no que vive máis do 60% da poboación.

Sinalou que, a xuízo da Xunta, a transferencia da titularidade da AP-9 é conforme á lexislación vixente e, polo tanto, xuridicamente viable, ademais de ser beneficiosa para os cidadáns. Nese sentido, trasladou que as competencias sobre a AP-9 lle permitirían á Xunta unha xestión “pegada ao territorio”, velar con máis eficacia pola calidade do servizo e ofrecer unha resposta áxil e directa ás necesidades dos usuarios.

Ethel Vázquez lamentou que o actual Goberno de España actúe para cumprir de forma escrupulosa os seus acordos coa sociedade concesionaria e para atender as súas demandas, ao tempo que incumpre os compromisos adquiridos cos galegos.

Así, lembrou que o Executivo central anunciou bonificacións nas peaxes que non se materializan; a liberación da peaxe de Redondela, un compromiso pendente desde o ano 2018; ou deixar sen efecto as subas extraordinarias das tarifas.

A pesar diso, o pasado 1 de xaneiro, o Goberno de España autorizou unha nova suba extraordinaria, e iso tendo en conta que o Consello Consultivo de Galicia ditaminou que eses incrementos de peaxes eran “nulos de pleno dereito”.

Por todo isto, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade trasladou a súa confianza en que o Congreso vote maioritariamente a favor da toma en consideración da Proposición de Lei e apuntou que, se as Cortes aproban o cambio de titularidade a Galicia da AP-9, a Comisión mixta de transferencias deberá traballar para que se materialice nas condicións máis xustas para a Comunidade.
 

Imaxes relacionadas