A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade presentoulle esta mañá o proxecto ao rexedor municipal, Alfredo García, nun encontro celebrado por videoconferencia

Ethel Vázquez avánzalle ao alcalde do Barco de Valdeorras a licitación no mes de marzo das obras de humanización da Avenida do Bierzo, cun investimento de preto de 815.000 euros

Actuarase nos primeiros 655 metros da estrada autonómica OU-622 para reforzar a seguridade viaria e facer máis humano e accesible este treito urbano

Mellorarase a accesibilidade nas dúas pontes para salvar a vía do tren e o río Cigüeño e ampliarase o ancho das beirarrúas para facilitar o tránsito peonil e o acceso aos edificios

Reforzarase a seguridade no contorno do colexio Divina Pastora, así como nas rutas de chegada dos cativos ao centro, distanciando o tráfico rodado da zona de tránsito

Tamén se renovará o saneamento e abastecemento, a iluminación e a semaforización, polo que se solicita ao Concello a súa implicación para cofinanciar estes servizos municipais ou, no seu caso, que asuma a titularidade dese treito

A Xunta pediulle ao Goberno de España fondos do Plan de recuperación para a mellora da comunicacións da comarca, co acondicionamento da estrada A Gudiña-A Rúa, e pide o impulso da autovía estatal A-76, que acumula anos de retraso

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzoulle hoxe ao alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, que no vindeiro mes de marzo a Xunta licitará as obras de humanización da avenida do Bierzo, que suporán un investimento de preto de 815.000 euros.

Na reunión telemática que mantivo esta mañá co rexedor municipal, na que tamén participou o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, a titular de Infraestruturas e Mobilidade presentoulle o proxecto de renovación desta avenida, no núcleo urbano do Barco de Valdeorras, co que se busca mellorar a accesibilidade e humanizar a súa contorna.

Segundo detallou Ethel Vázquez, a previsión da Xunta é licitar as obras en marzo e inicialas no verán, contando cun prazo de 8 meses para a execución dos traballos.

Actuarase nos primeiros 655 metros da estrada autonómica OU-622, o treito da vía cun carácter máis urbano, para reforzar a seguridade e facer máis humana e accesible a súa contorna.

Para conseguir este obxectivo, mellorarase a accesibilidade nas pontes situadas no inicio da estrada autonómica: do punto quilométrico 0+000 ao 0+200, para salvar a vía ferroviaria; e do quilómetro 0+275 ao 0+290, para salvar o río Cigüeño.

Ademais, incrementarase o ancho da beirarrúa na marxe esquerda, na medida en que sexa posible, coa fin de mellorar a mobilidade para o tránsito peonil dos veciños, así como a accesibilidade aos edificios localizados na zona, que na actualidade dispoñen de accesos con importantes desniveis. Tamén a partir do punto quilométrico 0+320 e ata o 0+655 ampliarase o ancho das dúas beirarrúas.

Ademais, reordenaranse os usos da avenida do Bierzo no seu treito central, en canto ao tráfico peonil, de vehículos e zonas de estacionamento.

Ethel Vázquez fixo especial fincapé en que con este proxecto se mellorarán as condicións de seguridade viaria no contorno do colexio Divina Pastora, así como nas rutas de chegada dos cativos ao colexio, distanciando o tráfico rodado da zona de tránsito.

Destacou que a actuación prevé tamén a renovación das infraestruturas de abastecemento e saneamento que discorren por ambas as marxes e que presentan un grado de deterioro importante debido ao paso do tempo. Neste sentido, e tendo en conta que se levarán a cabo melloras de servizos que son de competencia municipal, como o saneamento, o abastecemento, a iluminación e a semaforización, a conselleira solicitou a implicación do Concello para cofinanciar eses servizos municipais ou, no seu caso, que asuma a titularidade do treito.

Melloras das comunicacións na comarca

A titular de Infraestruturas da Xunta referiuse a outros proxectos do Goberno galego para mellorar as comunicacións da comarca, para favorecer a competitividade e contribuír á vertebración territorial. Destaca o millón de euros investido na mellora do firme e no acondicionamento das estradas autonómicas OU-122 e OU-123, que dan servizo as canteiras de lousa de Carballeda de Valdeorras, unha intervención fundamental para a actividade económica da comarca; ou o acondicionamento da estrada OU-533 entre A Gudiña e A Rúa, para o que a Xunta xa lle ten solicitado ao Goberno de España fondos do Plan de recuperación.

Ethel Vázquez tamén pediu o impulso da autovía estatal A-76, para conectar Ourense e Ponferrada, que acumula anos de retraso, propoñendo que o Goberno de España financie con cargo ao Fondo de reconstrución os treitos prioritarios desa infraestrutura estatal: Villamartín-Requejo, Requejo-A Veiga e A Veiga-O Barco de Valdeorras.

Imaxes relacionadas