Conde aborda co Club Empresarial e Executivo de Galicia a necesidade de consolidar o tecido empresarial para favorecer a reactivación económica

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, reuniuse co presidente da nova entidade, Mario Barcenilla

Sinala que para avanzar cara a recuperación a Consellería conta con 350,5 millóns de euros a través do Plan de reactivación

Subliña tamén a oportunidade que supoñen os fondos europeos Next Generation, xunto coa lei que se está a tramitar no Parlamento para avanzar na simplificación administrativa

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta mañá un primeiro encontro co presidente do novo Club Empresarial e Executivo de Galicia, Mario Barcenilla, co que abordou a necesidade de consolidar o tecido empresarial para favorecer a reactivación da economía da Comunidade.

Conde fixo fincapé en que para conseguir este obxectivo, ademais das liñas de apoio coas que conta a Consellería a través do Plan de reactivación, que suman máis de 350,5 millóns de euros, a Administración autonómica pivota o seu traballo sobre dúas ferramentas máis: os fondos de europeos reconstrución Next Generation e a Lei de reactivación que se está a tramitar no Parlamento para favorecer a actividade empresarial axilizando prazos administrativos.

No que atinxe aos fondos europeos, Conde lembrou que Galicia, a través da colaboración público-privada, aposta por proxectos que teñan un efecto tractor e impacto directo na produtividade, o emprego e, sobre todo, que beneficien ás pemes, contando xa cunha selección de 108 proxectos que suman unha mobilización de 9400 millóns de investimento público-privado.

O vicepresidente segundo, que tivo a oportunidade para escoitar as propostas do Club Empresarial, trasladoulle tamén ao responsable desta entidade os principais puntos da Lei de reactivación, coa que a Xunta busca xerar estabilidade e confianza no tecido empresarial, cun cambio na cultura administrativa que permita reducir os prazos de tramitación achegando a mesma seguridade xurídica aos proxectos. Tal e como explicou o vicepresidente económico, a futura lei actúa sobre dúas frontes: a simplificación administrativa e o apoio ao investimento.

Imaxes relacionadas