A conselleira de Política Social mantivo unha reunión por videoconferencia cos responsables destes centros

Fabiola García destaca que a Xunta cuadriplicará este ano a cobertura das casas do maior ata chegar aos 80 centros

O Goberno galego destina 515.000 euros para o mantemento dos 20 centros en funcionamento na actualidade

Increméntase o orzamento para 2021 nun 42,5% ata os 2,2 millóns de euros

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou que a Xunta cuadriplicará este ano a cobertura das casas do maior ata chegar ás 80 en toda a Comunidade. Fíxoo durante unha reunión por videoconferencia cos responsables dos 20 centros en funcionamento na actualidade e á que tamén asistiron os delegados territoriais da Xunta de Galicia nas catro provincias.

Fabiola García sinalou que estes pequenos centros de día no rural, totalmente gratuítos para os usuarios, ofrecen un lugar de atención e coidado diúrno a preto de 100 persoas. O Goberno galego incrementará este ano nun 42,5% o orzamento destinado a estender a rede de casas do maior ata os 2,2 millóns de euros.

Así mesmo, a conselleira lembrou que a Xunta vén de publicar a orde de axudas para dar continuidade ás 20 casas do maior en funcionamento na actualidade, para o que se destinaron 515.000 euros. Deste xeito, explicou que o Goberno autonómico “segue apostando por un servizo posto en marcha no ano 2018 para darlle ás persoas maiores do rural as mesmas prestación que nunha cidade”.

Imaxes relacionadas