A Xunta recibe 10 ofertas para executar a mellora da seguridade viaria na estrada OU-105 no entorno do tanatorio de Ourense en Seixalbo, cun investimento de case 950.000 euros

A actuación comezará a finais da primavera e o seu remate prevese para principios do vindeiro ano

A intervención inclúe unha nova glorieta para o acceso á rúa Canizo e a mellora do acceso ao tanatorio, con carril central de espera para favorecer os xiros á esquerda

Disporase una senda na marxe dereita desta rúa ata a súa conexión coa OU-105, habilitaranse beirarrúas e melloraranse os pasos de peóns e as paradas de autobús

Estes traballos súmanse aos xa realizados en 2019 entre a zona do tanatorio e O Cumial, que supoñen un investimento conxunto da Xunta de 1,8 millóns de euros

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2021

A Xunta vén de recibir 10 ofertas de empresas para executar as obras de mellora da seguridade viaria na estrada autonómica OU-105 en Seixalbo, na contorna do tanatorio, no concello de Ourense, cun investimento autonómico de case 950.000 euros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé iniciar esta actuación a finais de primavera coa fin de tela rematada a principios de 2022, xa que contan cun prazo de execución de 8 meses.

A intervención ten por obxectivo completar a reforma integral da OU-105, en Seixalbo, con novos traballos que consistirán na reordenación da sección transversal da estrada para optimizar a circulación dos peóns e do tráfico rodado, actuando nun treito de 350 metros.

Executarase unha nova glorieta de 36 metros de diámetro para o acceso á rúa Canizo e tamén se mellorará o acceso ao tanatorio por esa mesma rúa, con carril central de espera para favorecer os xiros á esquerda. Ademais, a rúa Canizo deixarase de sentido único desde o seu inicio ata o tanatorio, e de dobre sentido desde o acceso ao tanatorio á nova glorieta.

Tamén se optimizará a mobilidade na entrada e saída da rúa Canizo, dispoñendo unha senda na marxe dereita desta rúa ata a súa conexión coa estrada autonómica, habilitando beirarrúas e adaptando os pasos de peóns para que sexan accesibles.

Acometerase un paso de peóns con iluminación específica e regulación semafórica para dar continuidade aos percorridos peonís e poder acceder á parada de autobuses en dirección a Ourense, ademais de dúas paradas de autobús asociadas aos pasos de peóns.

Os traballos completaranse coa mellora dos firmes e pavimentos, xunto co alumeado, saneamento e drenaxe, sinalización e balizamento en todo o treito da actuación.

Este proxecto súmase á intervención xa realizada en 2019 nun treito de 1,5 quilómetros, entre a zona do tanatorio e O Cumial, na que se executou unha nova glorieta no acceso principal a Seixalbo e se eliminou o terceiro carril para calmar o tráfico.

Tamén se melloraron os pasos de peóns e se instalaron novas marquesiñas para as paradas de bus. Actuouse nas beirarrúas e habilitáronse sendas en ambas as marxes, no teito final, incidindo na traza do Camiño de Santiago.

Estas dúas actuacións, cun investimento autonómico conxunto de 1,8 millóns de euros, contribúen ao reforzo da seguridade viaria e á mellora da mobilidade nesta área de Seixalbo.