Galicia e outras catro comunidades autónomas avanzan nunha estratexia conxunta para apoiar ao sector turístico

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou esta tarde por videoconferencia nunha reunión con representantes de Turismo de Castela e León, Madrid, Murcia e Andalucía para acordar alternativas coas que dar resposta ao sector

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2021

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, reuniuse esta tarde com representantes de Turismo das comunidades de Castela e León, Madrid, Andalucía e Murcia para estudar unha estratexia conxunta coa que paliar as consecuencias e o impacto económico derivado da pandemia do coronavirus no sector turístico.

No encontro tamén participaron os conselleiros de Turismo de Castela e León, Javier Ortega, departamento que promoveu a reunión, e a conselleira de Turismo da Rexión de Murcia, María Cristina Sánchez, así como os viceconselleiros desta área na Comunidade de Madrid, Carlos Daniel Martínez; e en Andalucía, Manuel Alejandro Cardenete.

A reunión serviu como toma de contacto para acordar alternativas coas que dar resposta á situación do sector ante a crise sanitária da covid-19 e poñer en común as medidas e axudas levadas a cabo nos últimos meses polas comunidades participantes.

No caso de Galicia, Nava Castro explicou que a Xunta porá en marcha este ano un Plan de choque do sector turístico, dotado con 35,7 millóns de euros, que inclúe a renovación dos programas dirixidos a incentivar o consumo como o Bono Turístico, con 6 millóns de euros; e a reedición do programa de promoción do turismo interno Elixe Galicia, con 1,3 millóns de euros, co obxectivo de inxectar liquidez as empresas turísticas e fomentar o turismo interno. Ademais, nos últimos meses o Goberno galego vén apoiando aos establecementos do sector para implantar os protocolos de prevención ante a covid-19 e reforzar a idea de que Galicia é un destino seguro.

Por outra parte, a Xunta xa traballa no 2º Plan de Rescate a autónomos, microempresas e negocios de hostalería pechados, que conta cun orzamento de 75 millóns de euros, e se suman aos 86,2 millóns de euros aboados na primeira convocatoria deste plan.

Os representantes destas cinco comunidades volverán a reunirse nuns días para concretar a estratexia de apoio encamiñada a manter as empresas e os postos de traballo nun sector estratéxico tan importante para a economía, que en Galicia supón máis do 10,4% do PIB e o 11% do emprego total.
 

Imaxes relacionadas