Trenor recolle as propostas do alcalde de Coristanco de humanización da travesía de San Roque e de mellora da EDAR de Vilaverde

O delegado da Xunta e o rexedor mantiveron un encontro de traballo para estudar proxectos de colaboración

A Coruña, 01 de febreiro de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde de Coristanco, Juan Carlos García, mantiveron esta mañá unha reunión de traballo para analizar proxectos e iniciativas para este Concello. En concreto, o rexedor trasladou a importancia de contar co apoio da Xunta para a execución dun proxecto de humanización da travesía de San Roque que discorre desde a rotonda do hipermercado ata a rotonda do desvío a Santa Comba. Esta actuación consistiría na mellora de toda a seguridade vial, sinalización, pavimentación, colocación de mobiliario urbano e plantación de arborado decorativo.

O delegado da Xunta comprometeuse a estudar a proposta e de buscar posibles vías de colaboración entre ambas administracións para a execución desta obra. Neste senso, trasladoulle que, o vindeiro mes de marzo, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda abrirá unha convocatoria pública con 2,3 millóns de euros para a mellora de infraestruturas en concellos de menos de 20.000 habitantes, polo que animoulle a presentar o devandito proxecto a esta convocatoria.

No encontro analizaron tamén o excelente resultado as obras realizadas, a través de Augas de Galicia, de mellora e posta en marcha da depuradora de Portoquintáns. Esta actuación contou cun investimento da Xunta de máis de 43.000 e permite dar servizo para sanear e depurar as augas xeradas a unha poboación equivalente a 600 habitantes.

Trenor reiterou a vontade da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade de seguir achegando o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local. Neste senso, comprometeuse a seguir avanzando no proxecto de mellora da EDAR de Vilaverde.

 

Imaxes relacionadas