A conselleira de Política Social, Fabiola García, mantivo unha reunión por videoconferencia coa directora do centro, Patricia García

A Xunta habilita un espazo exterior na residencia de Burela para que as persoas usuarias poidan saír e practicar deporte

Tamén se licitaron obras tanto para a renovación da carpintería exterior como das ventás por un importe de 190.000 euros

Fabiola García destaca que o 70% das residencias galegas xa teñen administradas a segunda dose da vacina
 

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2021

A Xunta habilitou un espazo exterior na residencia de maiores de titularidade autonómica de Burela para que as persoas usuarias poidan saír e practicar deporte. A conselleira de Política Social, Fabiola García, reuniuse esta mañá por videoconferencia coa directora, Patricia García, para coñecer o avance desta obra e doutras que se van realizar este ano no centro.

Ademais de habilitar esta zona de ocio e deporte exterior, o Goberno galego licitou este mes os traballos para a substitución e renovación da carpintería exterior do centro, así como a instalación de novas ventás. Para acometer estas obras a Xunta destinará un total de 190.000 euros.

Fabiola García aproveitou esta reunión para trasladarlle á directora o seu agradecemento por estes meses de intenso traballo. A residencia de Burela foi unha das primeiras en vacinarse da primeira dose e actualmente os seus usuarios e traballadores xa son inmunes fronte ao virus. “Actualmente o 70% xa teñen administrada a segunda dose e ao longo desta semana rematarase o proceso naqueles centros nos que non haxa gromos”, afondou a conselleira.

Imaxes relacionadas