A Xunta inicia a vindeira semana traballos de roza e limpeza en novas estradas das provincias de Ourense e de Lugo

Comezarán os labores na OU-540A entre a cidade de Ourense e A Madalena; e na OU-121 no Barco de Valdeorras e Prada

Na provincia de Lugo iniciarase a roza na LU-633, en Samos e Triacastela

Seguirán tamén as tarefas de limpeza nas estradas de Ourense OU-113, de Verín a Vilar de Barrio; na OU-531B en Celanova, e na OU-801 en Rivadavia e Ponte Barxas
 

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2021

A Xunta ten previsto iniciar a vindeira semana os traballos de roza e limpeza en novas estradas de titularidade autonómica das provincias de Ourense e de Lugo.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, vén realizando nos últimos meses estas tarefas de acondicionamento nas franxas de dominio público de vías autonómicas das catro provincias para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

No marco destas actuacións, comezarán estas tarefas nas estradas da provincia de Ourense: OU-540A entre a cidade de Ourense e A Madalena; e na OU-121 no Barco de Valdeorras e Prada. De xeito paralelo, continuarán os labores de roza que se viñan desenvolvendo nas últimas semanas nas vías OU-113, de Verín a Vilar de Barrio; na OU-531B en Celanova; e na OU-801 en Rivadavia e Ponte Barxas.

Na provincia de Lugo comezarán os traballos de roza na LU-633, en Samos e Triacastela.

En canto ás actuacións nas estradas de titularidade autonómica da provincia da Coruña, proseguirán os traballos de roza na VAP VG.-1.2, entre Ares e Mugardos.

Nas estradas autonómicas da provincia de Pontevedra seguirán os labores de roza e limpeza na vía de altas prestacións: CG-4.2, entre Tomiño e A Guarda, así como na VG.-4.3, entre Cambados e Vilagarcía.

As tarefas que se veñen realizando céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, coa fin de previr incendios forestais.

Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas autonómicas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.

Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas.

As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.
 

Imaxes relacionadas