A Xunta e o Norte de Portugal solicitan manter abertos os máximos pasos posibles para evitar o impacto do peche da fronteira na Eurorrexión

A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal pide que se teñan en conta as peculiaridades das áreas transfronteirizas nos controis e na limitación de mobilidade

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2021

Diante da situación que se está a xerar na “raia” polo peche das fronteira entre España e Portugal, a Xunta e o Norte de Portugal manifestan que, dada a situación sanitaria por mor da extensión da pandemia neste momento, motivada pola necesidade de poñer freo á pandemia, en especial agora que a cepa británica –de enorme potencial contaxiador- parece estar moi estendida en Portugal, se plantexe o control e limitación do cruce das fronteiras para contribuír a frear a propagación por outras zonas.

Aínda así, a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal demanda que as peculiaridades das áreas transfronteirizas deben ser tidas en conta á hora de poñer en marcha estas medidas, para limitar no posible o impacto negativo que poden ter tanto na economía como na vida cotiá dos habitantes da “raia”.

Polo tanto, se polas consideracións sanitarias cómpre limitar a mobilidade entre Galicia e Portugal, xa moi diminuída na actualidade, requírise que, aínda con todos os controis necesarios para controlar a expansión da covid-19, se manteñan abertos os máximos pasos posibles, para que non se repita a situación creada o ano pasado, cando os traballadores trasfronteirizos se viran obrigados a realizar grandes desprazamentos, debido aos poucos puntos de cruce permitidos para cruzar a fronteira.

O mantemento só dos puntos de cruce de Verín, na ponte da autoestrada de Tui e unhas horas ao día o de Salvaterra -das 08,00 ás 10,00 horas e das 19,00 ás 21,00), supón volver ao peor momento do ano pasado, cando o peche das fronteiras orixinara atrancos na circulación e retrasos e prexuízos aos traballadores transfronteirizos.