Conde analiza co alcalde de Vilanova de Arousa novas actuacións para potenciar a industria, o comercio e o emprendemento

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, informou ao rexedor, Gonzalo Durán, das distintas convocatorias abertas, entre elas os apoios por 2,3M€ para mellorar os parques empresariais

Destaca as oportunidades que ofrece a futura Lei de reactivación para atraer novas iniciativas empresariais cara a este municipio, que conta co distintivo de Concello Emprendedor

A Consellería de Economía, Empresa e Innovación apoiou nos últimos anos ao Concello, empresas e veciños de Vilanova de Arousa con axudas por 4,1M€, mobilizando 16,8M€
 

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, reuniuse esta semana co alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, co que estudou novas actuacións conxuntas para continuar a potenciar a industria, o comercio e o emprendemento no municipio arousán.

Así, Conde informou ao rexedor das diferentes convocatorias que están abertas neste momento, entre as que se atopa a orde de axudas por 2,3 millóns de euros para mellorar as infraestruturas dos parques empresariais. As solicitudes poden presentarse ata o vindeiro 8 de febreiro. Cunha intensidade do 80% e un límite de 120.000 euros para propostas individuais e 138.000 para solicitudes de máis dun concello, impulsaranse actuacións de plantas de depuración de augas, xestión de residuos, infraestruturas viarias, instalación de sistemas de seguridade e vixilancia, de sistemas contra o roubo de cable e instalacións comúns destinadas á loita contraincendios no parque empresarial.

Tanto a través deste programa como doutras iniciativas, desde o ano 2009, a Consellería de Economía, Empresa e Innovación apoiou ao Concello, empresas e veciños de Vilanova de Arousa con axudas por 4,1 millóns de euros, permitindo mobilizar 16,8 millóns de euros. Ademais, Vilanova de Arousa acolleu catro edicións dos espazos coworking impulsados pola Xunta en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), a través das cales se apoiaron máis de 80 proxectos empresariais.

No encontro, Conde destacou as oportunidades que ofrece a futura Lei de reactivación –que se encontra actualmente en fase de tramitación no Parlamento de Galicia– para atraer novas iniciativas empresariais cara aos concellos galegos e impulsar o emprendemento, avanzando na simplificación administrativa e facilitando os investimentos, ao tempo que se achegan as máximas garantías xurídicas, urbanísticas e ambientais para contribuír á consolidación do tecido empresarial galego.

Unha das medidas da futura lei que se está a tramitar é precisamente o impulso da figura dos Concellos Emprendedores, para que aparezan consolidados dentro do novo marco lexislativo. Así, comparten coa Xunta a necesidade de levantar as barreiras ao investimento empresarial para estimular a actividade económica e facilitar os trámites administrativos. De feito, Vilanova de Arousa xa conta con este distintivo de Concello Emprendedor.

A futura Lei de reactivación permitirá seguir avanzando neste eido, promovendo un cambio de cultura administrativa para lograr a máxima axilización. O obxectivo é achegar unha resposta áxil para facilitar a actividade económica, atendendo aos novos retos aos que se enfronta Galicia.
 

Imaxes relacionadas