O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, mantivo unha reunión por videoconferencia co Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia

A Xunta continúa os traballos para a reforma da Lei de Inclusión Social de Galicia en colaboración cos axentes sociais

O obxectivo é adaptar a Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) e as Axudas de Inclusión Social (AIS) ao novo contexto xurdido coa posta en marcha do Ingreso Mínimo Vital

Simplificarase e reducirase a tramitación destas prestacións para que cheguen canto antes ás persoas perceptoras

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2021

A Xunta continúa avanzando na reforma da Lei de Inclusión Social de Galicia en colaboración coas entidades e os profesionais do sector. O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, mantivo unha reunión por videoconferencia con representantes do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia para abordar esta mellora legal, que modernizará e axilizará os recursos a disposición das familias máis vulnerables.

Arturo Parrado sinalou que esta reforma deberá redefinir a Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) e as Axudas de Inclusión Social (AIS) para adaptalas á realidade actual e acomodalas ao novo contexto xurdido coa entrada en vigor do Ingreso Mínimo Vital (IMV). Así mesmo, apuntou que se aproveitará esta reforma para simplificar e reducir ao máximo a burocracia, co fin de que a tramitación destas axudas sexa o máis rápida e áxil posible.

Na xornada de traballo mantida co Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia analizouse conxuntamente esta cuestión, así como outros aspectos encamiñados a mellorar o Sistema Galego de Servizos Sociais. O director xeral destacou que Galicia contará cunha norma participativa e consensuada con todos os axentes implicados.

Orzamentos 2021

Os orzamentos da Consellería de Política Social para 2021 destinan 125,5 millóns de euros para a área de inclusión, a contía máis elevada da súa historia, e un 4,5% máis que en 2020. As novas contas manteñen a partida económica de 64,4 millóns de euros para a Risga. Este importe permitirá cubrir as nóminas anuais de todas as persoas perceptoras desta prestación, desenvolver novos programas de inclusión e deseñar novas axudas orientadas a favorecer o acceso ao mercado laboral das persoas que perciban o IMV. Esta última é unha condición que a día de hoxe non contempla a prestación estatal.

Ademais, o orzamento do vindeiro exercicio contempla un incremento do 35% das Axudas de Inclusión Social para fogares vulnerables que teñen necesidades inmediatas, que pasan de 3,3 a 4,5 millóns de euros. A adaptación das AIS existentes á nova realidade será tamén un dos obxectivos nos que se traballará na reforma da Lei de Inclusión Social, así como a creación de axudas que favorezan o acceso ás novas tecnoloxías das persoas en situación ou risco de exclusión.