O programa 'O teu Xacobeo' impulsará propostas municipais de sete concellos e ducias de actos promovidos por asociacións e empresas en toda a provincia

A Xunta destina máis de 92.000€ a financiar as iniciativas destes concellos para a promoción e dinamización do Ano Santo, que contará con 220 eventos en toda Galicia cun investimento total de 3,3 millóns de euros

A delegada territorial da Xunta, Luisa Piñeiro, e o xefe territorial de Presidencia, Xustiza e Turismo, Ramón Pereiro, destacaron que esta iniciativa permite achegar o Xacobeo a toda a comunidade e favorecer a participación activa
 

Pontevedra, 30 de xaneiro de 2021

A segunda edición do programa O Teu Xacobeo, deseñado e impulsado pola Vicepresidencia 1ª para favorecer a dinamización sociocultural do Ano Santo 2021-2022, inclúe un total de sete propostas municipais nos Concellos de Cambados, Vilagarcía de Arousa, Silleda, Vila de Cruces, Mondariz, Tui e Oia e ducias de actos e eventos promovidos por asociacións e empresas en toda a provincia.

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, e o xefe territorial de Presidencia, Xustiza e Turismo, Ramón Pereiro, deron a coñecer todas as actividades desta segunda edición e explicaron que coas mesmas “preténdese achegar o Xacobeo a toda a comunidade, desenvolver unha acción sociocultural vencellada ao Camiño moi apegada á rúa e á xente e favorecer a participación activa dos galegos, que deben sentir o Xacobeo como algo propio”.

O programa vai beneficiar, ao abeiro da liña 1, destinada a entidades locais, mancomunidades, consorcios e deputacións, a sete proxectos da área territorial de Pontevedra grazas a un investimento conxunto de máis de 92.000€.

As actividades municipais a realizar serán Albariño no Camiño, do Concello de Cambados; Os Cesteiros de Mondariz, do Concello de Mondariz; Vilagarcía, Cidade do Libro 2021, do Concello de Vilagarcía de Arousa; Unha ollada ao Camiño Portugués polos Peregrinos e Audiohistorias do Camiño, do Concello de Tui; Trasdeza pinta o Camiño, do Concello de Silleda; Gres no Camiño, do Concello de Vila de Cruces; e 6x6 Punto de Encontro O Arrabal: o Mar tamén ten Amores, do Concello de Oia.

Nos proxectos subvencionados nas liñas 2 e 3, é dicir, os dirixidos a empresas e a entidades sen ánimo de lucro, hai 38 que afectan a máis dunha provincia (27) ou a toda Galicia (11). Na súa maioría son iniciativas tuteladas por fundacións ou universidades que fan referencia a diferentes rutas ou camiños, proxectos dirixidos a centros educativos ou actuacións no patrimonio que abranguen varias provincias ou a totalidade da comunidade galega. Mesmo hai unha actuación que comparte a provincia de Lugo coas comunidades autónomas de Asturias e Cantabria.

O programa O Teu Xacobeo, que está a desenvolver accións socioculturais en 140 concellos galegos ao abeiro da primeira convocatoria, rexistrou un gran éxito nesta segunda edición, xa que contabilizou un milleiro de solicitudes presentadas e desenvolverá 220 propostas grazas a un investimento de 3,3 millóns de euros da Xunta de Galicia.
 

Imaxes relacionadas