A Xunta e o concello de Cerdedo-Cotobade perfilan os detalles técnicos e administrativos para a apertura dos Baños do San Xusto este ano

A delegada territorial, Luisa Piñeiro, mantén unha reunión co alcalde, Jorge Cubela, e celebran un encontro multilateral en torno a esta rehabilitación cos xefes territoriais de Sanidade, Economía e Medio Ambiente

A representante autonómica e o rexedor tamén repasaron os proxectos autonómicos en marcha, como o saneamento de Tenorio, a senda peonil de Tenorio, as vivendas de Cerdedo e Carballedo ou o Centro Turístico e Cultural Antonio Fraguas
 

Pontevedra, 30 de xaneiro de 2021

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, mantiveron unha reunión de traballo na que abordaron diversos proxectos autonómicos neste municipio e, principalmente, a rehabilitación dos Baños do San Xusto, cuxa apertura está fixada para o presente ano.

Paralelamente, ambos celebraron unha reunión multilateral cos xefes territoriais das consellerías de Sanidade, Economía e Medio Ambiente, que son as implicadas na recuperación deste espazo termal, para perfilar todos os detalles técnicos e administrativos e determinar os seguintes pasos a realizar por parte de ambas administracións para a posta en marcha deste complexo saudable.

A rehabilitación dos Baños do San Xusto, que xa está na súa fase final, supuxo un investimento de case 700.000€ financiado integramente polo Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia no marco do primeiro Pacto pola Paisaxe da comunidade autónoma. A actuación contempla a restauración da antiga minicentral para a súa conversión en balneario, a recuperación dos antigos muíños para saunas con vistas ao río Lérez, a posta en valor das antigas bañeiras para convertelas en pozas públicas ao aire libre e a urbanización, os accesos e o axardinamento de toda a contorna.

Polo demais, no encontro entre Luisa Piñeiro e Jorge Cubela tamén se abordaron os proxectos autonómicos máis destacados no municipio, como o saneamento de Tenorio, que quedará rematado este ano; a senda peonil desta mesma parroquia, na que se invisten case 800.000€; a construción das 12 vivendas sociais nas antigas casas dos mestres de Cerdedo e no vello centro médico de Carballedo, que tamén quedarán lista en 2021; ou o arranque, a vindeira semana, da obra física do Centro Turístico e Cultural Antonio Fraguas de Carballedo tras a realización dos traballos previos.
 

Imaxes relacionadas