A Xunta destinará máis de 400.000 euros ao grupo de desenvolvemento rural Sil-Bibei-Navea para apoiar o seu labor ata o ano 2022

Con estas achegas búscase que o GDR poida continuar dinamizando a súa zona de influencia na provincia de Ourense e seleccionando novos proxectos que contribúan a acadar un maior desenvolvemento dos concellos implicados

No encontro tamén se abordou o papel que a Lei de recuperación da terra agraria concede aos GDR como entidades colaboradoras e dun posible proxecto de aplicación de tecnoloxías TIC para dar servizo ás persoas maiores no rural
 

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2021

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé, reuniuse por videoconferencia con representantes do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Sil-Bibei-Navea, aos que comunicou que a Xunta destinará máis de 400.000 euros deica o ano 2022 para apoiar o labor de dinamización que levan a cabo na súa área de influencia na provincia de Ourense.

En total, o Goberno galego distribuirá un total de 7,3 millóns de euros entre os 24 GDR galegos, para garantir o desenvolvemento de proxectos no rural nos próximos dous anos. Trátase de que poidan continuar implementando as súas respectivas estratexias nos distintos territorios mediante a selección de novas iniciativas que contribúan a acadar un maior grao de desenvolvemento das áreas rurais, dentro da medida Leader. A maiores, mediante estas aportacións dáse cumprimento ao establecido polo Plan de Reactivación deseñado pola Consellería do Medio Rural, implicando estes grupos no impulso de accións dirixidas a sectores como o agroalimentario, o gandeiro, o forestal, o turístico, o ambiental ou o do pequeno comercio.

Así mesmo, no encontro tratouse o papel que a futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia concederá aos GDR como entidades colaboradoras para contribuír ao cumprimento dos obxectivos de dita norma. Deste xeito, estes grupos poderán exercer como xestores do Sistema de información de terras, prestando apoio e información aos interesados e mesmo tramitando solicitudes de incorporación e de arrendamento. Tamén poderán asesorar para a solicitude de polígonos agroforestais ou actuacións de xestión conxunta, informar sobre parcelas en estado de abandono ou infrautilización e, entre outros, colaborar na revisión e actualización dos mapas de usos e do Catálogo de solos agropecuarios e forestais. Por último, na xuntanza abordouse a posibilidade de levar a cabo un proxecto de aplicación de tecnoloxías TIC para dar servizo ás persoas maiores do rural ourensán.

O GDR Sil-Bibei-Navea é o encargado da planificación dos proxectos que se levan a cabo no marco da medida Leader no ámbito dos municipios ourensáns de Castro Caldelas, Montederramo, Parada de Sil, A Teixeira, Chandrexa de Queixa, Manzaneda, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, Viana do Bolo e Vilariño de Conso. Neste grupo pode integrarse calquera entidade que desexe participar na dinamización e desenvolvemento desta zona caracterizada polos seus relevos montañosos e a súa extensa rede fluvial e que cumpra cunha serie de requisitos para facerse membro.
 

Departamento:
C. do Medio Rural