A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou esta semana na asemblea do Clúster da Función Loxística de Galicia

A Xunta salienta o papel clave do Clúster da Loxística para desenvolver a estratexia ‘Galicia, porto unico’ de cara a 2030

O Executivo galego destaca que a alianza público-privada acadada dentro desta organización é unha boa ferramenta para conseguir unha unidade portuaria na comunidade máis intelixente, máis sostible e máis responsable

A titular de Mar salienta que o obxectivo final é impulsar o desenvolvemento do sector marítimo-pesqueiro, da cadea mar-industria e do conxunto de Galicia grazas á importancia que a loxística e o transporte teñen na economía galega

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou esta semana na asemblea do Clúster da Función Loxística de Galicia, onde salientou a importancia de que Portos de Galicia estea integrado nesta organización pois o traballo e a colaboración que se desenvolve no seu seo contribuirá a desenvolver a estratexia de Galicia, porto único con perspectivas cara ao ano 2030.

A representante do Executivo galego, que estivo acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, lembrou que tamén son socias do clúster a maior parte das autoridades portuarias de Galicia e incidiu en que esta alianza con participación público-privada será unha boa ferramenta para converter Galicia nunha unidade portuaria máis intelixente, máis sostible e máis responsable.

Neste sentido, a titular de Mar subliñou que un dos obxectivos debe ser avanzar cara un modelo de xestión orientado á comunidade portuaria, máis competitivo e eficiente en todas as súas actividades, instalacións e servizos, unhas características que permitirán contar con ese porto único máis intelixente.

Na vertente sostible, Rosa Quintana destacou a transcendencia de ter unhas infraestruturas adaptadas ás prácticas e tecnoloxías verdes que permitan que a súa actividade produza o menor impacto ambiental posible á súa contorna. Mentres, no eido da responsabilidade, o porto do futuro debe xestionar cuestións como a eficiencia enerxética, a innovación e o uso de enerxías limpas nos buques como unha vantaxe competitiva.

Nese reto de conseguir que Galicia sexa un porto único, a conselleira do Mar explicou que o Clúster da Función Loxística ten moito que dicir ao tempo que Portos de Galicia pode aportar o seu grao de area á organización ao contar cunha importante experiencia froito dunha ampla rede de peiraos que controla, de acceso deslocalizado e de inmellorable situación xeográfica en Europa. A iso engádese que ten amplas capacidades para a almacenaxe e exportación de mercadorías así como a dispoñibilidade dos servizos necesarios de asistencia tanto a buques como a usuarios dada a diversificación e complementariedade das súas actividades loxísticas, industriais e comerciais, polo que conta con profesionais expertos na materia.

Por iso, a titular de Mar enxalzou o valor desta alianza para que a rede portuaria galega poida mirar ao futuro buscando oportunidades e superando os retos que se lle presenten polo camiño. Ese porto único, salientou, contribuirá ao desenvolvemento do sector marítimo-pesqueiro, da cadea mar-industria e do conxunto de Galicia dada a importancia que o sector loxístico e o transporte teñen para o movemento da economía galega.

O clúster

O Clúster da Función Loxística de Galicia nace coa vontade de impulsar o sector loxístico galego froito da semente posta pola Estratexia integral de optimización loxística de Galicia, unha iniciativa promovida polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). Unha acción consecuencia dun proceso de análise da documentación, reflexión e diálogo cos principais axentes, públicos e privados, co obxectivo de definir unha estratexia realizable, compartida e aceptada para a optimización da loxística de Galicia. Entre os seus socios atópanse tanto importantes empresas de loxística e do sector industrial da comunidade como entidades públicas como autoridades portuarias ou a propia Portos de Galicia.

Imaxes relacionadas