A Xunta aproba o proxecto de demolición da actual estación de autobuses de Santiago coa fin de licitar as obras en marzo e comezalas no verán, cun investimento de case 1,5 M€

A actual terminal será demolida integramente e en orde inversa á que corresponde á construción dunha obra nova, procedendo desde arriba cara a abaixo, empezando polas dársenas de autobuses e continuando pola terminal de pasaxeiros

Habilitarase unha zona de dársenas na avenida de Rodríguez de Viguri co obxectivo de facilitar a mobilidade dos empregados públicos

As obras da nova estación de autobuses, que executa e financia integramente a Xunta, con máis de 10 M€, están rematadas, restando só detalles
 

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2021

A Xunta vén de aprobar o proxecto de demolición da actual estación de autobuses de Santiago, coa fin de licitar as obras o vindeiro mes de marzo e comezalas no verán, cun investimento de case 1,5 millóns de euros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé que a demolición da actual terminal de autobuses, cuxo proxecto foi redactado por IDOM Consulting, Engineering, Architecture, S.A.U, estea rematada a finais deste mesmo ano.

A actual terminal será demolida integramente e en orde inversa á que corresponde á construción dunha obra nova, procedendo desde arriba cara abaixo. Así a demolición comezará co volume que contén ás dársenas de autobuses e proseguirá polo volume da terminal de pasaxeiros.

Dado o desnivel coa praza de Camilo Díaz Baliño, manteranse os muros de contención de terras e, en caso de ser necesario, adoptaranse as medidas oportunas para a consolidación dos elementos estruturais mediante o apuntalamento dos muros.

A maquinaria que se utilizará será unha cizalla demoledora mixta para o corte de formigón e o aceiro, unha retroescavadora con martelo-picador e pala cargadora, un camión grúa e ferramentas manuais.

Unha vez executados os traballos de demolición, avanzarase na execución do novo edificio administrativo de San Caetano.

O proxecto tamén prevé a disposición dunha zona de dársenas para a parada de autobuses co obxectivo de facilitar a mobilidade dos empregados públicos. Esta parada efectuarase na Avenida de Rodríguez de Viguri, fronte á actual estación.

Nova estación de autobuses

Cómpre lembrar que a Xunta ten previsto poñer en funcionamento en marzo a nova estación de autobuses de Santiago, polo que xa se trasladarán aos servizos de transporte a estas instalacións, quedando sen uso ás da actual terminal.

As actuacións no novo complexo intermodal, a nova terminal de autobuses e a pasarela, supoñen un orzamento total de 16 millóns de euros, dos que o Goberno galego achega máis de 12 millóns. O proxecto está cofinanciado pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

As obras da nova estación de autobuses, que executa e financia integramente a Xunta con máis de 10 millóns de euros, tanto no edificio de viaxeiros como na área de dársenas están rematadas, restando só detalles.

No que se refire á pasarela, execútaa a Xunta e tamén a cofinancian o Concello de Santiago e Adif, cun investimento total de máis de 5,5 millóns de euros. Os traballos desta infraestrutura xa están na súa recta final.

A estación intermodal de Santiago será un soporte para a mellora do transporte público que está a supoñer a recente renovación por parte da Xunta de todas as concesións de autobús.

Estas instalacións supoñen a transformación urbana de Santiago, poñendo á disposición dos veciños e dos viaxeiros un miradoiro sobre o Sar e unha nova rúa con forma de pasarela, que superará a barreira histórica entre dous barrios da cidade, separados polas vías do tren.

Así mesmo, a demolición da actual terminal e o proxecto de construción da Cidade de San Caetano tamén servirá para reordenar o ámbito urbano da vella estación de autobuses.
 

Imaxes relacionadas