Luisa Piñeiro supervisa o operativo do cribado de detección da covid-19 en Poio, que arranca mañá na explanada da Seca con seis equipos de traballo

Poio (Pontevedra), 29 de xaneiro de 2021

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, e o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez, supervisaron hoxe ao mediodía os preparativos, a loxística e o operativo do cribado de detección da covid-19 no Concello de Poio.

Ditas probas arrancarán na xornada de mañá, sábado 30, na explanada da Seca, onde se instalaron carpas de grandes dimensións para atender axeitadamente, garantindo a distancia persoal e a comodidade dos asistentes, ás 7.863 persoas convocadas, que conforman a poboación diana e que supoñen algo máis do 70% dos veciños de entre 15 e 50 anos de idade, o rango definido polos parámetros sanitarios como o adecuado para a realización deste cribado.

O operativo estará conformado por 15 persoas baixo a coordinación dun médico e distribuirase en seis equipos para axilizar a atención aos participantes. A delegada territorial quixo animar a colaboración dos veciños e fixo un chamamento para que asistan masivamente co obxectivo de detectar casos, especialmente asintomáticos, para frear a transmisión da covid-19 no municipio.

O cribado comenzará mañá ás 9.30 horas e prolongarase ata as 19.30 horas para atender a preto de 3.000 persoas, ao igual que na xornada do domingo, coa entrega de botes para o depósito de saliva e a súa posterior recollida e remisión á Fundación Galicia Sur para a súa análise. O proceso extenderase durante catro xornadas ata o martes 2 de febreiro.
 

Imaxes relacionadas