O Comité Educativo certifica que o sistema está preparado para o ensino virtual, con horarios-espello e aulas virtuais operativas e 30.231 docentes formados

Román Rodríguez insistiu en que a prioridade é manter o ensino presencial, cuxa seguridade está avalada polo Comité Clínico, pero subliñou a responsabilidade de estar preparados, de xeito preventivo, para a atención virtual por se a situación sanitaria o esixira

No que vai de curso producíronse máis de 7,5 millóns de conexións ás aulas virtuais, o que indica o grao de uso deste servizo por parte dos centros

O conselleiro destacou o “sobreesforzo” do profesorado neste traballo de adaptación ao escenario telemático

No marco do Comité tamén se iniciaron os traballos para introducir melloras na atención ao alumnado vulnerable en caso de confinamento, coa participación dos 4.000 profesionais de atención á diversidade en Galicia

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2021

O Comité Educativo vén de certificar, na súa reunión de hoxe, que a práctica totalidade dos centros educativos están preparados para o ensino virtual cos seus horarios-espello deseñados, as aulas virtuais operativas así como con case todo o profesorado formado.

Así se desprende dos datos de seguimento da implantación do Plan de Ensino Virtual elaborado co obxectivo de estar preparados de xeito preventivo en caso de que a situación epidemiolóxica requirira pasar da presencialidade á atención telemática, unha posibilidade que a día de hoxe está descartada logo de que o Comité Clínico avalara a seguridade dos centros escolares, onde non hai transmisión interna agás casos moi puntuais.

Logo dun chequeo dos centros escolares a cargo dos servizos de inspección, nestes momentos a meirande parte deles xa teñen elaborados e incorporados aos plans de continxencia os seus respectivos horarios-espello para garantir a continuidade da docencia en caso de corentenas.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, explicou esta mañá ante o Comité Educativo que “dos 1.226 centros públicos, só 26 teñen aínda pendente a adaptación de algunha materia, área ou módulo á docencia virtual”. Por iso, desde o departamento educativo xa se está traballando con todos eles para solucionar as posibles eivas detectadas e acadar canto antes que o cen por cen dos centros estean totalmente preparados.

O titular de Educación subliñou que durante este curso producíronse máis de 7,5 millóns de conexións a aulas virtuais, o que dá conta da dinámica de funcionamento destes sistema co que os centros xa están plenamente familiarizados.

Equipamento tecnolóxico

Así mesmo, cóntase cos equipamentos e materiais tecnolóxicos necesarios para, chegado o caso, optar polo ensino non presencial. A día de hoxe, segundo explicou o conselleiro, a Xunta dispón dun banco de 4.000 equipos informáticos en stock á disposición do alumnado que o precise, ao que hai que engadir outros 14.500 equipos que están pendentes de subministro por parte do Goberno do Estado a través de Red.es, e que se espera a súa chegada nas próximas semanas. No que vai de curso só foi preciso prestar 241 dispositivos.

No que atinxe á formación necesaria do profesorado para que o proceso de ensino-aprendizaxe en modo virtual se leve a cabo con todas as garantías, nestes momentos 30.231 docentes (22.175 deles xa acreditados) participaron nalgunha das case 1.700 accións formativas en competencias dixitais ofertadas pola Consellería.

Segundo Román Rodríguez, a preparación do sistema educativo galego é froito “dun importantísimo traballo de adaptación, cun sobreesforzo por parte do profesorado”, e asegurou que desde a Xunta se vai seguir dando o máximo apoio nesta tarefa.

Mellora do Plan de Atención a alumnado vulnerable

O conselleiro tamén someteu a debate do Comité Educativo unha proposta de traballo para mellorar a atención ao alumnado vulnerable en caso de confinamento, a través dun plan que será completado nos próximos días. O obxectivo é dispoñer dunha folla de ruta que permita poñer en marcha todos os recursos dispoñibles para lograr a mellora da atención a este alumnado.

O sistema educativo galego conta cunha ampla rede de preto de 4.000 profesionais especializados no ámbito da atención á diversidade, entre orientadores, especialistas en Pedagoxía Terapéutica, en Audición e Linguaxe, así como os profesionais de apoio e reforzo. A idea é, segundo explicou o conselleiro, “dispoñer dunhas instrucións e unha asignación de funcións claras para dar a cobertura axeitada a estes alumnos”.

Imaxes relacionadas