Os preto de 16.500 pacientes atendidos nas sete vías rápidas de cancro implantadas no Sergas agardaron catro días menos que no ano 2019 para seren atendidos

O tempo medio de espera estrutural cirúrxica naquelas patoloxías de prioridade 1 foi de 17,8 días, similar aos catro anos anteriores, e moi inferior ao TME do ano 2008 (40,1 días)

O Sergas realizou unha media de 121.447 consultas ao día entre os meses de xaneiro e decembro neste ano da pandemia

Cada día do ano 2020, atendéronse unha media de 5.213 urxencias, tanto de atención primaria como de atención hospitalaria

O departamento sanitario galego agradece o esforzo, dedicación e implicación de todas e todos os profesionais das distintas especialidades e as diversas categorías, imprescindibles para dar máis e mellor atención asistencial aos pacientes
 

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2021

Un total de 16.425 pacientes beneficiáronse das sete vías rápidas de cancro implantadas, cun tempo medio de espera de 3,7 días, catro días menos de espera que no ano 2019. As vías rápidas permiten cumprir o compromiso de atender a pacientes con sospeita de patoloxía grave nun tempo inferior a 15 días dende a derivación do médico de cabeceira ao especialista. Actualmente, este procedemento está implantado en todos os hospitais do Sergas para cancro de mama, colon, pulmón, próstata, vexiga, cancro otorrinolaringoloxico (cabeza e colo) e melanoma.

Os resultados do balance da actividade asistencial do Sergas ao longo do pasado ano tamén reflicte que, entre os meses de xaneiro e decembro, o departamento sanitario galego realizou un total de 169.849 intervencións cirúrxicas. Destas, 139.229 foron programadas e 30.620 urxentes. O tempo medio de espera (TME) cirúrxica global, a decembro de 2020, foi de 72,6 días, que resulta 18,1 días superior ao ano anterior, o mellor dato da serie histórica do Sergas.

É necesario destacar o esforzo realizado polos profesionais para a mellora destes TME, xa que, no mes de xuño, unha vez rematado o período de total confinamento marcado polo Real Decreto de Alarma, a media de espera era de algo máis de 100 días.

Respecto ás patoloxías de prioridade 1, o TME foi de 17,8 días, resultado similar aos catro anos anteriores, e moi inferior ao TME do ano 2008 (que foi de 40,1 días). O número de pacientes en espera estrutural cirúrxica ascendeu a 35.819, cifra moi semellante á acadada no ano anterior.

Consultas e probas diagnósticas

Respecto á Atención Primaria, ao longo do ano 2020 realizáronse máis de 25,8 millóns de consultas totais (25.814.251 consultas), sendo case un 42% destas non presenciais (consulta telefónica). Neste nivel asistencial, ten tamén especial relevancia o programa de consultas de Conecta 72, unha medida coa que continúan os coidados do paciente trala alta hospitalaria coa chamada do persoal de enfermería do seu centro de saúde, en menos de 72 horas, para mellorar a continuidade asistencial. Realizáronse un total de 189.274 consultas ao abeiro deste programa.

No que atinxe á Atención Hospitalaria, realizáronse máis de 4,9 millóns de consultas, que xunto coas realizadas en Atención Primaria, indican que no Sergas realizouse unha media de 121.447 de consultas ao día entre os meses de xaneiro e decembro neste ano da pandemia. Así mesmo, realizáronse máis de 3,7 millóns de probas diagnósticas, 210.000 probas máis que no ano anterior.

O tempo medio de espera (TME), acadado nas primeiras consultas de enfermidade nos hospitais do Sergas, a decembro de 2020, foi de 49,3 días, conseguindo un resultado similar ao ano anterior, que fora o mellor resultado da serie histórica.

Tamén neste apartado é necesario destacar o esforzo realizado polos profesionais para acadar estes TME, xa que, no mes de xuño, unha vez rematado o período de total confinamento, a media de espera era de 66,3 días.

Lei de garantías

Respecto ás urxencias sanitarias, realizáronse un total de 1.908.044, correspondendo 1.123.213 con urxencias de Atención Primaria, e 784.831 con uxencias de Atención Hospitalaria, o que significa que se atenderon no Sergas 5.213 urxencias diarias. Ademais producíronse 212.415 ingresos hospitalarios e 6.455 ingresos en hospitalización a domicilio.

O Sergas destaca tamén que 39.445 persoas beneficiáronse da garantía establecida coa entrada en vigor do decreto de tempos máximos para 108 tipos de patoloxías, 26 probas diagnósticas ou terapéuticas e sete vías rápidas, e un total de 128.647 persoas dende a entrada en vigor do decreto, en xaneiro de 2018. Todos os casos obtiveron resposta dentro da rede pública do Sergas, e ningún tivo que ser derivado aos centros concertados. Ademais realizáronse 272.685 sesións nos hospitais de día.

Estes resultados indican o gran esforzo que se realizou durante este ano, tendo en conta o contexto epidemiolóxico no que estamos inmersos, cumprindo co compromiso de atender aos pacientes que estaban esperando por unha cirurxía considerada de prioridade 1, así como os que tiveron diagnósticos incluídos no Decreto de garantías de tempos máximos de atención, que son, na súa gran maioría, pacientes oncolóxicos, e mesmo nas consultas e probas diagnósticas de vías rápidas de cancro.

Remarcar, unha vez máis, o esforzo, a dedicación e a implicación de todas e todos os profesionais das distintas especialidades e as diversas categorías, imprescindibles para dar máis e mellor atención asistencial aos pacientes.

 

Imaxes relacionadas