A Xunta asinou no último cuadrimestre do ano pasado 14 convenios que impulsan actuacións turísticas en Lugo cun investimento de 1,2 M€

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que se formalizaron instrumentos de colaboración para desenvolver o Plan de sostibilidade turística da Ribeira Sacra e para a reactivación de xeodestinos

A Administración autonómica tamén financia a adquisición de mobiliario para a hospedaxe no mosteiro de Santa María de Ferreira de Pantón e melloras na contorna do Complexo Artesanal de Sargadelos (Cervo)

Tamén se destinan fondos para executar distintas obras de acondicionamento de infraestruturas turísticas en Portomarín, A Pobra do Brollón e Mondoñedo

Lugo, 29 de xaneiro de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a relación dos convenios de colaboración asinados pola Axencia de Turismo de Galicia no último cuadrimestre do ano 2020, entre os que figuran 14 que impulsan actuacións na provincia de Lugo e que suman un investimento autonómico de 1,2 millóns de euros.

O delegado territorial da Administración galega, Javier Arias, explicou que o proxecto de maior contía é o Plan de sostibilidade turística da Ribeira Sacra, cofinanciado pola Xunta con 850.000 euros, o Goberno central coa mesma cantidade e o Consorcio de Turismo con 300.000 euros. É unha iniciativa que aposta por actuacións respectuosas co medio ambiente e o territorio para mellorar a competitividade deste destino, que inclúe os municipios da Ribeira Sacra de Lugo e Ourense.

Tamén se formalizaron catro acordos para reactivar o turismo en xeodestinos lucenses. Con ese fin, a Xunta achega 100.000 euros a través dun convenio co Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra; 92.000 euros en colaboración coa Mancomunidade de Municipios da Mariña; 28.000 euros para actuacións no xeodestino Os Ancares-O Courel da man da Asociación de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais; e 9.000 euros no marco da cooperación co Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra-O Courel, para impulsar a consolidación do xeodestino do Courel.

Por outra banda, Arias destacou a aportación de 41.500 euros á Comunidade Cisterciense do Divino Salvador co fin de adquirir mobiliario para a hospedaxe no mosteiro de Santa María de Ferreira de Pantón, onde a Xunta executou obras de restauración e posta en valor da antiga hospedería, a casa do capelán, a torre barroca e parte da planta baixa do mosteiro, declarado de Ben de Interese Cultural coa categoría de Monumento desde 1975.

Do mesmo xeito, a Xunta destinou 48.200 euros a cooperar co Concello de Cervo no proxecto de ampliación da cuberta, urbanización da área para aparcadoiro e obras accesorias no Complexo Artesanal de Sargadelos; e apoiou actuacións de mellora de infraestruturas turísticas na Pobra do Brollón e Mondoñedo con 30.000 e 23.600 euros, respectivamente.

Ademais, a través destes convenios a Axencia de Turismo achegou 15.000 euros ao Concello de Portomarín para mellorar o firme dunha parte da travesía de Compostela, un dos treitos principais do Camiño de Santiago. Tamén destinou 5.000 euros á celebración da Semana Cultural do San Froilán de Lugo o ano pasado, e outros 3.000 ao Festival de Pardiñas de Guitiriz.

Así mesmo, no último período do ano asináronse senllas addendas, por unha banda ao convenio de colaboración co Consorcio de Turismo de Ribeira Sacra para o desenvolvemento de parte das accións recollidas no Plan de xestión da paisaxe cultural; e pola outra ao concerto coa Asociación da Ruta do Viño da Ribeira Sacra para a celebración das Xornadas de portas abertas.