A Xunta tramitou o pago de 913.000 euros de axudas do bono social térmico a case 10.000 beneficiarios lucenses

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que xa está aberto o prazo para solicitar as achegas do bono social eléctrico da Administración autonómica

Lugo, 29 de xaneiro de 2021

A Xunta de Galicia tramitou o pagamento de axudas do bono social térmico a 9.983 familias lucenses que o ano pasado resultaron beneficiarias desta prestación. As achegas suman un importe total de 913.700 euros, que distribúe a Vicepresidencia económica a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) tras ser transferidos polo Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, lembrou que o bono social térmico é un programa de concesión de axudas directas para compensar os gastos económicos dos consumidores máis vulnerables polo uso de calefacción, auga quente ou cociña.

Os concesionarios son os mesmos que os que teñen aprobado o bono social eléctrico a 31 de decembro de 2019 e o importe a ingresar depende tanto da vulnerabilidade da familia como da zona climática na que estea a vivenda. No caso de Galicia oscila entre os 49,84 e os 123,94 euros.

Arias apuntou que estas axudas tratan de apoiar ás familias máis vulnerables para que poidan facer fronte a gastos básicos de enerxía e compleméntanse co bono social eléctrico da Xunta, dirixido a consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social co obxectivo de garantirlles o acceso continuado á subministración de electricidade.

Achegas do bono social eléctrico

Segundo destacou Arias, a Administración autonómica vén de abrir o prazo para solicitar os apoios do bono social eléctrico en 2021, que poden pedirse ata o próximo 31 de outubro. En concreto, os destinatarios son persoas residentes en Galicia e titulares dun servizo de subministración eléctrica que teñan contratada a tarifa de último recurso e sexan consumidores vulnerables severos (por tanto beneficiarios do bono social estatal cun 40% de desconto) e estean en risco de exclusión social, termo que deberá ser acreditado mediante certificado ou informe expedido polos servizos sociais.

Os apoios do bono social eléctrico, que se outorgarán por concorrencia non competitiva ás persoas que cumpran os requisitos, serán dun 50% da factura eléctrica correspondente á vivenda habitual do solicitante e terán unha contía máxima anual de 300 ou 450 euros -no caso de familias numerosas-. A Xunta destina 1,3 millóns de euros á nova convocatoria, orzamento que poderá ser ampliado no caso de ser necesario.