O conselleiro do Medio Rural presidiu a reunión deste órgano asesor da Xunta, que abordou de xeito monográfico a norma, actualmente en debate no Parlamento

A futura Lei de recuperación da terra volve ao Consello Agrario Galego na procura do máximo consenso na súa elaboración

Neste contexto, José González propuxo a creación dun grupo de traballo coas organizacións profesionais agrarias para mellorar os seus contidos namentres se poidan introducir emendas no trámite parlamentario, no mes de febreiro

Lembrou que este texto legal ten como principal obxectivo promover a recuperación da terra abandonada ou infrautilizada e darlle base territorial a quen a desexe traballar

Esta norma xa fora avaliada polo Consello Agrario nunha xuntanza de decembro de 2019 e será sometida de novo, o vindeiro luns, ao Consello Forestal, un órgano colexiado que xa a coñeceu tamén nese ano

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu esta mañá a reunión do Consello Agrario Galego que abordou, de xeito monográfico, a futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que actualmente se está a debater no Parlamento. Deste xeito, sinalou González, continúa someténdose esta norma á consideración dos axentes do rural galego, nun proceso -paralelo ao seu debate parlamentario- que procura acadar o máximo consenso posible.

Neste contexto, o conselleiro propuxo a creación dun grupo de traballo coas organizacións profesionais agrarias representadas neste órgano para mellorar os seus contidos namentres se poidan introducir emendas no trámite parlamentario, ao longo do mes de febreiro, co fin de realizar “axustes técnicos”. Trátase -dixo- de “enriquecer” a norma, “desde a postura de recoñecemento da súa necesidade”.

Na mesma liña, González agradeceu as achegas xa realizadas polas organizacións profesionais agrarias, que cualificou como “aportacións moi importantes” e resaltou a “boa acollida” que esta a ter entre elas a iniciativa da creación do Banco de explotacións, para fomentar a remuda no agro. Ademais, instou a todos os axentes do sector a seguir con este “traballo conxunto, para mellorar unha lei de país, de consenso, que permita recuperar a terra extraordinaria que temos e que procuraremos que estea nas mellores condicións para dar esa rendibilidade que demandamos para o rural galego”.

O Consello Agrario xa coñecera os contidos e o alcance do borrador desta lei, pois foron expostos polo propio conselleiro nunha xuntanza deste órgano consultivo da Xunta en decembro de 2019. Nesta mesma liña, o documento será tamén sometido o vindeiro luns á consideración do Consello Forestal de Galicia, onde volverá ser debatido tras o seu paso por este foro naquel mesmo ano.

Base territorial

O conselleiro do Medio Rural reiterou que esta lei ten como principal obxectivo promover a recuperación da terra abandonada ou infrautilizada e darlle base territorial a quen a desexe traballar. Desta forma, preténdese revitalizar o rural e traballar así pola recuperación demográfica, pola mellora da calidade de vida da poboación e pola anticipación aos lumes forestais.

A norma defende a ordenación do territorio rural e a súa posta en valor, mediante novos mecanismos voluntarios de mobilización da terra que xa se están aplicando de xeito piloto con éxito, como é o caso das aldeas modelo, os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta.

Por outra banda, a lei tamén establecerá o procedemento de declaración de abandono ou infrautilización de predios e fomentará a investigación da propiedade. Así, coa información que aporte a investigación, vaise traballar para actualizar o Catastro en Galicia, notificando ao Goberno central, que ten as competencias na materia, os resultados dese labor.

Para acadar os fins propostos, o texto legal tamén prevé incentivos fiscais, nunha dobre vertente. No que atinxe a impostos que xestiona a propia comunidade autónoma e tamén propoñendo ao Estado melloras tributarias nos impostos que dependen del.

Ademais, cómpre lembrar que esta lei é froito das reflexións dos comparecentes na comisión parlamentaria forestal creada tras os lumes do 2017 e polo tanto con ela dáse cumprimento ao mandato do Parlamento galego, xa que incorpora ata 43 conclusións do Ditame da comisión. O resto das conclusións están contempladas na revisión do Plan Forestal de Galicia, un documento que tamén está sendo avaliado pola Cámara autonómica nestes intres.

Imaxes relacionadas