Luisa Piñeiro fai un chamamento á veciñanza de Forcarei para que participe masivamente no cribado de detección da covid-19 "para protexer a saúde" no concello máis envellecido da provincia

A delegada territorial, que acudiu á primeira das tres xornadas programadas, destaca o “compromiso e esforzo” do Sergas co Concello para detectar casos asintomáticos ao roldar unha incidencia de 3.000 por cada 100.000 habitantes

A representante autonómica, acompañada polo xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez, explica que a poboación diana, de 2.500 persoas maiores de 40 anos, determinouse por criterios sanitarios e sociais e para dar unha resposta áxil

Forcarei, 28 de xaneiro de 2021

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, acudiu esta tarde á contorna do centro de saúde de Forcarei para asistir ao inicio do cribado de detección da covid-19, a través de tests rápidos de antíxenos, impulsado polo Sergas e fixo un chamamento á veciñanza para que participe masivamente nestas probas “co obxectivo prioritario de detectar casos asintomáticos e protexer a saúde nun concello especialmente sensible, xa que é o máis envellecido da provincia”.

A representante autonómica, que compareceu acompañada do xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez, quixo destacar o “compromiso e esforzo” que está a realizar o Sergas para conter a pandemia en todos os ámbitos e, especialmente, no municipio forcaricense, onde xa realizou hai uns días un cribado específico para traballadoras e usuarios do Servizo de Axuda no Fogar.

“Toda a Xunta de Galicia está volcada fronte á crise sanitaria e loxicamente actuamos alí onde é máis necesario, como é o caso de Forcarei, cunha das incidencias máis altas de Galicia, ao roldar os 3.000 casos por 100.000 habitantes, a confirmación de que existe transmisión comunitaria e unha poboación maior, xa que a súa idade media achégase aos 57 anos”, manifestou a delegada, que quixo precisamente poñer a Forcarei de exemplo da “perigosidade” da covid-19, xa que durante moitas semanas, incluso na segunda vaga, non rexistrou ningún caso, e disparouse en menos de tres semanas.

Luisa Piñeiro, que non quixo acceder ao centro de saúde por prudencia e respecto ao traballo e privacidade do proceso, reiterou a importancia da participación “para cortar de raíz os actuais niveis de contaxios” en Forcarei e explicou que a poboación diana seleccionada, de 2.500 veciños maiores de 40 anos, determinouse en base a criterios sanitarios e de relacións sociais e familiares do municipio “para optimizar a localización de casos nun tempo áxil, xa que a transmisión que hai neste concello precisa de datos rápidos para proceder a realizar actuacións inmediatas”.

Este proceso de cribado, o primeiro organizado de xeito directo pola área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, prolongarase durante tres xornadas, xa que tamén haberá controis na tarde do venres 29 e na mañá do sábado, a través de tres equipos de enfermería en cada quenda que efectuarán as tarefas de control e cumprimento das medidas de seguridade, realización e procesado das tomas de mostras e información aos usuarios, convocados a través de SMS telefónico. En canto aos resultados, trasladaranse por medio de mensaxe en caso negativo e vía telefónica para os positivos.

Luisa Piñeiro, que estivo acompañada tamén pola alcaldesa, Verónica Pichel, e por representantes dos demais grupos municipais da corporación, solicitou “unidade de acción e apoio” ás medidas fronte á covid-19 implementadas polo Sergas e lembrou que os cribados estanse a extender por toda a provincia, especialmente nos concellos con máis casos, xa que aos realizados anteriormente en Bueu, Tomiño e A Illa de Arousa, engádense agora os de Forcarei, Poio -que comezará o sábado-, A Cañiza e Ponteareas.

Imaxes relacionadas