Un total de 14 empresas presentan ofertas para executar as obras de eliminación dun treito de concentración de accidentes na estrada AC-552 en Arteixo, no que a Xunta inviste máis de 2 M€

A obra, cun prazo de 12 meses, acometerase entre o enlace coa AG-55 e o acceso á presa de Meicende, executando dúas glorietas para aumentar a seguridade

Construirase unha vía de servizo na marxe dereita, sentido Fisterra, para evitar as incorporacións directas á estrada desde as naves e desde a estación de servizo

Completarase e mellorarase a saída da vía de servizo existente na marxe esquerda, sentido A Coruña, no acceso á glorieta de intersección coa AG-55

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2021

Un total de 14 empresas veñen de presentar as súas ofertas para executar as obras de mellora da seguridade viaria no treito de concentración de accidentes da estrada autonómica AC-552, en Arteixo, que suporán un investimento da Xunta de máis de 2 millóns de euros.

A intervención, cun prazo de execución de 12 meses, enmárcase na estratexia do Goberno galego para a eliminación de treitos de concentración de accidentes na rede viaria autonómica.

Os traballos nesta estrada autonómica comprenden o tramo da vía desde o punto quilométrico 2+100, despois da glorieta de enlace coa autoestrada AG-55, ata a vía de acceso á presa de Meicende, no punto quilométrico 3.

A estrada AC-552 ten un tráfico elevado e percorre unha zona industrial, con numerosas naves, unha estación de servizo e canteiras. Para mellorar a seguridade do tramo prevese a execución de dúas glorietas nos puntos quilométricos 2+500 e 2+890, nas que se realizarán os xiros. A segunda glorieta servirá, ademais, para calmar o tráfico en sentido A Coruña, tras o tramo de forte pendente descendente anterior.

O proxecto tamén prevé a execución dunha vía de servizo na marxe dereita, sentido Fisterra, para evitar as incorporacións directas á estrada desde as naves e a estación de servizo existente.

Ademais completarase e mellorarase a saída da vía de servizo actualmente existente na marxe esquerda, sentido A Coruña, no acceso á glorieta de intersección coa AG-55.

Os traballos inclúen a sinalización, drenaxe, iluminación e a reposición dos servizos afectados.