Conde avalía cos alcaldes da Rúa e Leiro vías de colaboración para impulsar a economía destes concellos ourensáns

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, sinala nestas reunións a importancia da cooperación entre administracións para lograr a transformación do tecido empresarial

Destaca as oportunidades que ofrece a futura Lei de reactivación para atraer novas iniciativas empresariais cara a estes municipios, que contan co distintivo de Concello Emprendedor

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, reuniuse esta semana cos alcaldes dos municipios ourensáns da Rúa, Álvaro Fernández, e Leiro, Francisco José Fernández, cos que avaliou diferentes vías de colaboración para seguir a impulsar o tecido empresarial de ambos os dous concellos.

Nestes encontros, Conde destacou as oportunidades que ofrece a futura Lei de reactivación –que se encontra actualmente en fase de tramitación no Parlamento de Galicia– para atraer novas iniciativas empresariais cara aos concellos galegos e impulsar o emprendemento, avanzando na simplificación administrativa e facilitando os investimentos, ao tempo que se achegan as máximas garantías xurídicas, urbanísticas e ambientais para contribuír á consolidación do tecido empresarial galego.

Unha das medidas recollidas na normativa que se está a tramitar é precisamente o impulso da figura dos Concellos Emprendedores, un distintivo co que conta tanto A Rúa como Leiro, que comparten coa Xunta a necesidade de levantar as barreiras ao investimento empresarial para estimular a actividade económica e facilitar os trámites administrativos.

A futura Lei de reactivación, tal e como subliñou Conde, permitirá seguir avanzando neste eido, promovendo un cambio de cultura administrativa para lograr a máxima axilización. O obxectivo é achegar unha resposta áxil para facilitar a actividade económica, dando resposta aos novos retos aos que se enfronta Galicia.

Imaxes relacionadas