Conde demanda do Goberno a mesma implicación que teñen os traballadores e a Xunta para defender o sector industrial da comarca de Ferrolterra

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asegura no Pleno do Parlamento que o compromiso do Executivo galego cos traballadores de Navantia, Endesa ou Siemens é máximo, polo que apela ao traballo conxunto de todas as administracións

Defende a necesidade de buscar un futuro industrial para a central térmica das Pontes logo de que as conclusións das probas con biocombustibles confirmen que a planta é viable desde o punto de vista técnico e medioambiental

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2020

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, subliñou hoxe que é tempo de actuar e apelou á coordinación e ao traballo conxunto de todas administracións para defender o sector industrial da comarca de Ferrolterra.

En resposta a varias preguntas dos grupos parlamentarios no Pleno da Cámara, Conde asegurou que o compromiso da Xunta cos traballadores e traballadoras de empresas como Navantia, Endesa ou Siemens é máximo, pero demandou a mesma implicación por parte do Goberno central porque Galicia non pode aceptar que a comarca de Ferrolterra quede sen carga de traballo e sen investimentos como o dique cuberto.

Nese sentido, con respecto a Navantia, lembrou que é ao Goberno, a través da SEPI, a quen lle corresponde concretar máis carga de traballo para ao estaleiro. Salientou que a implicación da Administración galega con todo o sector e a industria auxiliar permitiu devolver actividade ás gradas: non só na construción naval, senón tamén na eólica mariña. Ademais, está permitindo desenvolver 17 millóns de euros en investimentos para sentar as bases da transformación cara ao Estaleiro 4.0.

Sobre Endesa, apuntou que a Xunta vai seguir colaborando como ata o de agora na busca dun futuro industrial que garanta a viabilidade da planta e, máis, cando os informes técnicos corroboran que pode seguir operativa porque o uso de biocombustibles é viable desde o punto de vista técnico e ambiental. Por iso, avanzou que mañá, na reunión da Mesa das Pontes, o Goberno galego vai pedir a todas as partes –e a Endesa en particular– un compromiso real para conseguir a viabilidade económica da central.

No relativo á planta de Siemens nas Somozas, apuntou que a empresa debe retirar o ERE e paralizar o período de consultas para sentarse a negociar nunha mesa de traballo coa Xunta, o Goberno central e o comité de empresa porque a decisión de pechar é incoherente coas perspectivas que ten por diante a industria das renovables. Por iso, lembrou que a Xunta xa solicitou ao Ministerio de Traballo que avalíe polo miúdo o ERE por se houbese a posibilidade de que fose rexeitado.

Conde apuntou que Galicia sofre as consecuencias dunha transición ecolóxica emprendida polo Goberno sen unha planificación previa, que non ofrece alternativas de futuro nin contempla medidas de acompañamento para os sectores máis afectados, polo que instou ao Executivo central a cambiar de rumbo. Nese contexto, indicou que tanto os fondos europeos de recuperación Next Generation como o proxecto do Estaleiro 4.0 son unha oportunidade histórica que convén aproveitar para impulsar a competitividade do tecido industrial de Ferrolterra.

Imaxes relacionadas