O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo hoxe unha reunión con representantes do polígono e do Concello

A Xunta avaliará as propostas dos empresarios do polígono de Bértoa, en Carballo, para mellorar os servizos de transporte público cara esa área industrial

A Dirección Xeral de Mobilidade, unha vez dispoña dos datos concretos de orixes, destinos e horarios suxeridos polos empresarios, estudará os axustes nas liñas

Analizarase a posibilidade de engadir ou modificar paradas nalgunhas expedicións para facilitar a mobilidade dos veciños da área cara ao parque empresarial

A Xunta vén de culminar a implantación do Plan de transporte público de Galicia, que supón a renovación de 3.100 liñas que ofrecen 3 millóns de servizos ao mes

A Consellería de Infraestruturas realiza o seguimento do funcionamento do transporte público interurbano para efectuar as adaptacións precisas e ofrecer uns servizos eficientes aos cidadáns

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2021

A Xunta trasládalles aos empresarios do polígono de Bértoa, en Carballo, o compromiso de avaliar as súas propostas para mellorar os servizos de transporte público cara á área industrial do municipio.

O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo hoxe unha reunión con representantes do polígono e do Concello de Carballo co obxectivo de abordar a posibilidade de axustes nas conexións de autobús coa zona empresarial.

Ignacio Maestro solicitoulles información concreta sobre as orixes e os destinos solicitados, así como os horarios suxeridos polos empresarios, de cara a poder avaliar as posibles melloras e axustes nas liñas de transporte público.

A Dirección Xeral de Mobilidade, unha vez que dispoña destes datos, analizará a posibilidade de engadir ou modificar paradas nalgunha das expedicións coa fin de facilitar a mobilidade dos veciños da zona cara ao citado parque empresarial.

Na xuntanza tamén se lle trasladou aos empresarios e ao propio concello a posibilidade de que poñan en marcha un servizo de lanzadeira interna para favorecer o acceso ás paradas e, por conseguinte, ao polígono, que permitiría unha maior flexibilidade nos desprazamentos.

O Goberno galego vén de culminar a implantación do Plan de transporte público de Galicia, que supón a renovación de 3.100 liñas que ofrecen 3 millóns de servizos ao mes.

Neste sentido, activáronse recentemente novos contratos coa fin de acadar a modernización e a mellora dos servizos, así como a adaptación das liñas á realidade da Galicia actual.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, durante a tramitación destes novos contratos, mantivo unha liña de diálogo coas administracións locais para atender as súas solicitudes e incorporar aos proxectos aquelas que foran viables.

Non obstante, o director xeral de Mobilidade explicou no encontro de hoxe que a Xunta segue realizando unha análise continua do funcionamento do transporte público interurbano para efectuar os axustes precisos e ofrecer uns servizos eficientes aos cidadáns.