Medio Ambiente remata a tramitación ambiental do Plan de Ordenación do Medio Físico de San Fiz de Asma, en Chantada

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático asina hoxe a resolución pola que se emite o Informe Ambiental Estratéxico deste proxecto que persegue unha ordenación integrada, tendo en conta as súas especiais características naturais, ecolóxicas e paisaxísticas

Recolle -e organiza- unha serie de actuacións a desenvolver agrupadas segundo o seu nivel de intervención, como: pequenas adaptacións estéticas en construcións, infraestruturas e viarios e actuacións de integración paisaxística (nivel básico de intervención) e a recuperación do camiño peonil Chantada – San Fiz, do Castro da Ribada e da canteira xerada coa construción da presa de Belesar, a adecuación de catro miradoiros e a creación dun aparcadoiro disuasorio (nivel ampliado)

Trátase dun dos dez proxectos recollidos no Plan de Acción Estratéxico para a Ribeira Sacra, posto en marcha polo Goberno galego para protexer, conservar e dinamizar esta zona de alto valor medioambiental e e cultural

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda emite hoxe o Informe Ambiental Estratéxico do Plan de Ordenación do Medio Físico da Parroquia de San Fiz de Asma, no Concello de Chantada; co que se da concluído a tramitación ambiental deste proxecto.

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático vén de asinar a resolución relativa a esta iniciativa na que se recoñece a combinación da protección do patrimonio natural e cultural deste ámbito co mantemento dunha economía baseada na agricultura e os recursos culturais e turísticos.

Asemade, destaca o mantemento dos usos tradicionais do espazo agrario, a correcta integración paisaxística das construcións existentes e futuras, así como das instalacións asociadas (accesos, peches ou plataformas...) e a conservación da estrutura parcelaria en relación ao viario e ao cultivo de vide en socalcos.

Cómpre sinalar que a identidade desta paisaxe céntrase nun gran contraste marcado pola profunda fenda que supoñen os cursos fluviais no territorio, así como a forte pendente dos seus vales, que presentan grandes inclinacións e mesmo paredes verticais, e ladeiras que rematan contra zonas chairas con pendentes inferiores ao 16º.

As súas elevadas pendentes permiten unhas vantaxosas condicións de exposición a unha máis eficaz orientación ao sol e a dispoñibilidade natural para crear un solo artificial, coa modificación da súa superficie natural, distribuída en socalcos que empregan a mesma pedra en pequenas terrazas horizontais, o que crea o substrato ideal para desenvolver unha agricultura de vides e oliveiras tamén favorables ás condicións climáticas.

Os asentamentos e vivendas tamén usan os mesmos recursos, xa que elixen nun terreo accidentado aqueles lugares máis propicios, sexa próximos ao fondo do val ou nas ladeiras en función da posibilidade das pendentes e da orientación.

Un plan de ordenación do medio físico conten as determinacións relativas ás características diferenciais do ámbito, destacando os valores naturais e potencialidades como soporte de actividades de carácter agropecuario, forestal, ecolóxico, recreativo, cultural ou científico. No caso concreto do POMF de San Fiz de Asma recóllense –e organiza- unha serie de actuacións a desenvolver agrupadas segundo seu nivel de intervención.

No nivel básico de intervención (cun horizonte de entre un a tres anos), destacan pequenas adaptacións estéticas de baixa entidade en construcións, infraestruturas e viario, actuacións de integración paisaxística e redución do impacto visual das construcións, infraestruturas e viarios ou a desmontaxe e recuperación ambiental de construcións, infraestruturas e viarios que se atopen en zona de máxima protección e non poidan ser adaptadas esteticamente ou integradas paisaxísticamente para solucionar a súa problemática.

Por outro lado, tamén se recollen proxectos dentro do nivel ampliado, cun horizonte de execución de entre un a cinco anos, como a recuperación do camiño peonil Chantada – San Fiz; a adecuación de catro miradoiros, que deberán seguir as recomendacións da Guía de boas prácticas en intervencións en espazos públicos, e a creación dunha área de acollida, aparcadoiro disuasorio e intercambiador, así como a súa restauración paisaxística.

Outras actuacións a levar cabo son a recuperación do Castro da Ribada, da paisaxe socalcada e viñedos sobre un túnel de nova construción, e da canteira xerada coa construción da presa de Belesar.

Asemade, na resolución asinada hoxe –e que posteriormente se publicará no Diario Oficial de Galicia-, tamén se enumeran unha serie de determinacións para mellorar a integración ambiental do plan, como incluír disposicións específicas para regular a integración de elementos accesorios ás edificacións (pérgolas, plataformas, mobiliario accesorio, etc.), a instalación de elementos de produción enerxética ou calefacción (paneis solares ou fotovoltaicos, pequenos muíños aeroxeneradores ou caldeiras de calquera tipo, etc.), así como sobre as instalacións relacionadas co uso agrícola dos terreos (cubricións tipo invernadoiro, valados cinexéticos, etc.) e dos sistemas de abastecemento e saneamento e recollida das augas de escorrentas (depósitos, conducións á vista, etc.).

Por último, tamén se sinala a necesidade de garantir a protección das masas arboradas de carácter autóctono establecendo as medidas necesarias para contribuír á súa conservación e posta en valor, así como favorecer a súa funcionalidade ligada á conectividade entre ecosistemas e biótopos existentes.

Plan de Acción Estratéxico para a Ribeira Sacra

O Plan de Ordenación do Medio Físico de San Fiz de Asma en Chantada é un dos dez proxectos que o Goberno galego recolle no Plan de Acción Estratéxico para a Ribeira Sacra, co que se pretende promover o máximo coidado e respecto por unha zona de alto valor medioambiental e e cultural.
A Xunta impulsa desde o ano 2019 este proxecto ambicioso para conservar, protexer e dinamizar unha zona de indubidable valor paisaxístico e natural de Galicia, do que xa se teñen acadado fitos importantes. Os máis recentes, a presentación da Guía de árbores e formacións singulares da Ribeira Sacra, ou o Pacto pola Paisaxe da Ribeira Sacra, o segundo que se firma en Galicia. Outros proxectos concluídos son a declaración da Área Integral da Ribeira Sacra e convocatoria de axudas, a recuperación dos espazos públicos abeiro do Plan hUrbe; ou o impulso á candidatura a reserva da biosfera da Ribeira Sacra e serras do Oribio e Courel, que será o único espazo en todo o país que opte a acadar este distintivo no presente ano.

Imaxes relacionadas