A Xunta publica as achegas para proxectos enerxéticos no sector primario, que distribúen en Lugo 1,1 M€ para 95 iniciativas

O delegado territorial, Javier Arias, lembra que está aberta unha nova convocatoria deste programa e o prazo de solicitudes remata o 15 de febreiro

A provincia asumiu o pasado ano case a metade das achegas concedidas e o 42% do investimento

Lugo, 27 de xaneiro de 2021.- A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación vén de publicar no DOG a resolución de axudas para implantar enerxías renovables ou medidas de aforro e eficiencia enerxética en empresas do sector agrícola primario, que na provincia de Lugo impulsaron 95 proxectos con achegas que suman máis de 1,1 millóns de euros.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, explicou que xa está aberta unha nova convocatoria do programa, que ten unha especial incidencia nesta provincia. De feito, apuntou, “Lugo asumiu preto da metade das axudas concedidas e máis do 42% do importe distribuído no 2020 en toda Galicia, o que pon de manifesto o peso que ten o sector agropecuario lucense e a súa determinación de continuar modernizándose para ser máis competitivo”. No conxunto da comunidade, apoiáronse 202 proxectos cun investimento de 2,6 millóns de euros.

O obxectivo destas achegas é fomentar a instalación de biomasa, biogás, aerotermia, xeotermia, solar térmica, fotovoltaica e eólica, así como actuacións de mellora da eficiencia que reduzan o consumo inicial en polo menos un 40% en proxectos de iluminación ou nun 10% no resto de iniciativas.

A nova convocatoria conta un orzamento de 2,5 millóns de euros e estímase que facilitará a mobilización dun investimento final público-privado de 8,5 millóns de euros en aproximadamente 200 proxectos. O prazo de presentación de solicitudes finaliza o 15 de febreiro.

Inclúe como gastos subvencionables o equipamento principal de xeración, custo da montaxe e posta en marcha das medidas enerxéticas propostas. A contía das axudas será do 30% do custo elixible no caso de grandes empresas, 40% para medianas e 50% para pequenas ata un máximo de 100.000 euros por proxecto e 300.000 por empresa, salvo nas instalacións de autoconsumo colectivo nas que se poderán alcanzar os 500.000 euros por proxecto e empresa.

Nesta ocasión, as achegas –convocadas a través do Inega– serán de concorrencia competitiva co obxectivo de priorizar a implantación de instalacións renovables en explotacións agrarias que carezan delas e as situadas en zonas economicamente menos favorecidas, para o que se terán en conta os datos do IGE da renda dispoñible bruta por habitante dos concellos galegos.

Con esta convocatoria preténdense fomentar os investimentos neste tipo de proxectos, rebaixar os custos enerxéticos promovendo a competitividade empresarial, diminuír o consumo de enerxías convencionais, propiciar a mellora socioeconómica das áreas rurais e a súa protección ambiental, e diminuír o período de pagamento aos provedores.

No conxunto de Galicia prevese crear arredor de 70 postos de traballo, reducir as emisións en 3600 toneladas de CO2 ao ano -cun impacto equivalente á plantación de 180.000 árbores-, e conseguir un aforro enerxético de 920.000 litros de gasóleo.

A Xunta convocou por primeira vez en 2017 unha liña específica de proxectos renovables para este sector e, desde entón, xa se levan apoiado na comunidade máis de 500 iniciativas con axudas que superan os 7,7M€.