A Xunta publica a orde de axudas para dar continuidade ás casas do maior cun investimento de 515.000€

O Diario Oficial de Galicia recolle a apertura de prazo para solicitar estas subvencións, que permiten o mantemento de 20 unidades repartidas polas catro provincias

A Xunta aposta por estes pequenos centros de día no rural para que as persoas maiores poidan recibir unha atención individualizada na súa contorna

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de axudas destinadas ao mantemento das casas do maior cun investimento de 515.000 euros. A Xunta aposta pola continuidade destes pequenos centros de día no rural por atender a máis de 100 persoas maiores que teñen acceso a unha atención individualizada na súa contorna.

Actualmente están en funcionamento 20 casas do maior repartidas polas catro provincias. Delas, 12 sitúanse nos concellos ourensáns de Punxín, Piñor, A Veiga, Laza, Castrelo de Miño, Os Blancos, Sarreaus, Cenlle, A Gudiña, Xunqueira de Espadañedo e Xunqueira de Ambía.

Na provincia de Lugo hai tres destes centros, dous no concello das Nogais e un en Portomarín. Na provincia da Coruña sitúanse nos municipios de Laxe, Santiso e Monfero. En canto á provincia de Pontevedra, hai dúas casas do maior en funcionamento: unha no concello de Arbo e outra en Pazos de Borbén.

Imaxes relacionadas