A Xunta incrementou máis de 104.000 horas anuais de SAF en 11 concellos da área de Santiago nos que atenden a 716 persoas

Gonzalo Trenor realizou unha visita institucional ao Concello de Trazo

O delegado da Xunta destacou que o aumento de horas no Servizo de Axuda do Fogar está permitindo atender a todas as persoas que precisan deste recurso

Na área de Santiago incrementáronse horas en Ames, Dodro, Oroso, Padrón, O Pino, Santiago de Compostela, Teo, Toques, Trazo, Touro e Val Dubra

Trazo (A Coruña), 25 de xaneiro de 2021

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, mantivo esta mañá un encontro de traballo coa alcaldesa de Trazo, Josefina Suárez, durante o cal lle informou do plan de reforzo do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). O incremento das horas asignadas para o financiamento do servizo, dirixido a persoas en situación de dependencia recoñecida, en máis dun millón de horas anuais está permitindo atender a todas as persoas que se atopan á espera da asignación efectiva do recurso.

No caso de Trazo, o delegado destacou que a Xunta aumentou en máis dun 43,32% as horas de Servizo de Axuda no Fogar (SAF) postas a disposición do Concello, ata superar as 21.600 horas anuais. Así, esta medida supuxo un reforzo de 6.540 horas. Neste momento, este municipio atende a 27 persoas a través deste servizo.

Respecto á comarca de Santiago, Gonzalo Trenor informou que o plan de reforzo se traduciu nun incremento de 104.580 horas anuais para os concellos de Ames, Dodro, Oroso, Padrón, O Pino, Santiago de Compostela, Teo, Toques, Trazo, Touro e Val do Dubra. O incremento permitiu a estes municipios pasar das 362.052 horas de que dispoñían ata o momento ás 466.632 horas coas que contan na actualidade. En total, estes 11 concellos poden atender a 716 persoas grazas a este incremento.

O representante da Xunta na Coruña destacou, así mesmo, que a Consellería de Política Social vén de incrementar en 10 millóns de euros o investimento destinado ao SAF, que en 2021 ascenderá a un total de 83,6 millóns de euros. Na provincia este incremento levouse a cabo en 51 concellos, o que significa un aumento nestes concellos de preto de 685.000 horas anuais ata chegar a un total de máis de 4,3 millóns de horas ao ano e 4.133 usuarios.

Implicación do Goberno central

Trenor lembrou que nestes momentos en Galicia invístense nas persoas dependentes un total de 400 millóns de euros ao ano, dos que máis de tres cuartas partes —o 76%— veñen das arcas autonómicas, e só o 24% restante proceden da Administración xeral do Estado.

O representante do Goberno autonómico lembrou que Galicia e as demais comunidades autónomas levan anos solicitando o cumprimento da Lei respecto á parte do financiamento que corresponde ao Goberno central.

Aínda que o Goberno galego valora positivamente o incremento da achega anunciado polo Executivo central, esta contía segue a estar moi lonxe do cofinanciamento que marca a lexislación e que establece que asuma o 50% do gasto total. Neste sentido, apuntou que coa implicación de todas as Administracións poderase seguir incrementando a atención e os servizos destinados ás persoas dependentes e ás persoas con discapacidade.

Imaxes relacionadas