A Xunta colabora na mellora da eficiencia enerxética do alumeado na Casa do Concello de Vilamarín e do auditorio municipal

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, comprobaron as melloras realizadas nestes edificios no marco do Fondo de Compensación Ambiental

O DOG publica hoxe a convocatoria de axudas deste Fondo para 2021, que conta cun orzamento de 11M€

Vilamarín (Ourense), 25 de xaneiro de 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou hoxe no concello de Vilamarín as melloras na instalación eléctrica do edificio municipal e do auditorio, unha obra coa que colaborou a Xunta cunha achega de 31.670 euros do Fondo de Compensación Ambiental. Á visita tamén acudiu o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

A iluminación da casa consistorial e do auditorio adoecía de certas deficiencias e non era acorde coa demanda dos servizos que ofrece. Co obxectivo de reducir o consumo e de optimizar o seu funcionamento, substituíronse as luminarias de tipo incandescente e fluorescente por novas luminarias LED, máis eficientes e de menor consumo. As novas luminarias, ademais, presentan unha distribución de luz óptima que redunda nunha maior calidade da iluminación e un menor consumo.

Natalia Prieto puido comprobar o resultado dunhas melloras que se axustan aos obxectivos para os que foi creado o Fondo de Compensación Ambiental, que recolle expresamente nos gastos subvencionables a mellora da eficiencia enerxética das instalacións e edificios municipais e a utilización de enerxías renovables.

Precisamente hoxe publica o Diario Oficial de Galicia a orde de renovación do Fondo de Compensación Ambiental para o 2021, cun importe total de 11 millóns de euros. Ademais das actuacións que se valoraron noutras edicións, como os proxectos de recuperación ambiental, xestión de residuos ou eficiencia enerxética, a presente orde inclúe como nova a financiación de proxectos de redución de riscos derivados da exposición ao gas radon.

As axudas ao Fondo de Compensación Ambiental proceden do canon eólico, polo que van destinadas, principalmente, a aqueles concellos que conten cun parque eólico no seu territorio, pero tamén ao conxunto dos concellos de Galicia que presenten proxectos de conservación ambiental, primando os mancomunados ou os xestionados por consorcios.

Para poder ser beneficiarios destas subvencións, as entidades deberán ter remitidas as contas do exercicio orzamentario do 2019 ao Consello de Contas de Galicia. As solicitudes poderán presentarse ata o 25 de febreiro incluído na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Imaxes relacionadas