A Xunta recibe ofertas de 16 empresas para executar a mellora do abastecemento de Castro de Rei, que suporá un investimento de preto de 630.000 euros

O obxectivo é resolver os problemas para cubrir as demandas de auga en época estival no núcleo de Castro de Ribeiras de Lea, desde onde tamén se abastece ao polígono industrial

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, financia o 80% da actuación, correspondendo o 20% restante ao Concello

Trátase da primeira fase das obras, coas que se executarán 2 tramos de tubaxe de abastecemento de polietileno de alta densidade que permitirán conectar coa rede existente nos seus extremos e solucionar as deficiencias de presión

Os traballos completaranse coas obras da segunda fase, que permitirá mellorar a conexión co parque empresarial e o servizo, cun investimento de 355.000 euros

A Xunta segue a colaborar cos concellos no desenvolvemento das súas competencias municipais de abastecemento e depuración

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de recibir a oferta de 16 empresas para executar as obras de 1ª fase de mellora do abastecemento do concello de Castro de Rei, que suporá un investimento de preto de 630.000 euros

Os traballos céntranse na mellora do sistema de abastecemento de auga ao núcleo de Castro de Ribeiras de Lea.

A actuación busca resolver os problemas que presenta este municipio lucense no citado núcleo, desde onde tamén se abastece ao polígono industrial da zona. Esta rede presenta déficit de presión en distintos puntos durante o período estival e, polo tanto, falta de capacidade para cubrir as demandas nesta época.

As obras, que contan cun prazo de execución de 6 meses, enmárcase na colaboración técnico-financeira da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade co Concello de Castro de Rei, a través dun convenio de colaboración que foi autorizado polo Consello da Xunta o pasado mes de decembro.

Segundo este acordo, a Xunta financia o 80% do orzamento necesario para este proxecto, correspondendo o 20% restante do importe ao Concello. A actuación contará co cofinanciamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).

Proxectos

Para buscar solucións á falta de capacidade da rede para cubrir as demandas punta estivais, Augas de Galicia encargou a redacción dos proxectos para a mellora da rede de abastecemento de auga de Castro de Rei, fase I e fase II. Estes proxectos permitiron definir as actuacións máis necesarias a acometer para mellorar a rede de abastecemento de auga de Castro de Rei e o obxectivo é desenvolvelas en dúas etapas.

Nesta primeira etapa, executaranse as solucións definidas na fase I do proxecto, mediante a construción de 2 tramos de tubaxe de abastecemento de polietileno de alta densidade no núcleo de Castro de Ribeiras de Lea e inmediacións do termo municipal. Os tramos de condución proxectados permitirán conectar coa rede existente nos seus extremos, coa fin de solucionar as deficiencias de presión detectadas no sistema de abastecemento na época estival.

Proxéctase tamén a execución de varias arquetas de formigón armado para aloxar as ventosas e desaugues proxectados, así como as conexións coa rede existente.

A segunda etapa das intervencións previstas, correspóndese coa fase II, cun orzamento base de licitación de máis de 355.000 euros. Nesta intervención posterior prevese a execución dun ramal que, partindo das conducións realizadas na Fase 1, mellore a conexión co polígono industrial e o servizo.

O obxectivo destas intervencións é dotar o municipio dun sistema de abastecemento depuración que responda ás necesidades da poboación. Así, o proxecto no seu conxunto dará servizo a preto de 2.600 habitantes desta contorna para o ano 2040.

Estas actuacións enmárcanse na liña se colaboración que vén prestando a Xunta de Galicia aos concellos no desenvolvemento das súas competencias municipais de abastecemento e depuración.