O titular do Goberno galego presidiu esta mañá a toma de posesión dos novos membros deste órgano

Feijóo destaca que o Consello Consultivo é un piar básico do autogoberno: un espazo plural e independente que vela polas institucións de todos

Nuns tempos marcados por unha profunda incerteza e a desafección, incide na importancia da labor das institucións públicas para “converter os pousos da desafección nuns afectos e vínculos renovados”

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que o Consello Consultivo é un piar básico no desenvolvemento e protección do noso autogoberno; un espazo plural e independente, no que a diversidade de visións está ao servizo dun só obxectivo: “velar polas institucións de todos”, dixo.

Durante a toma de posesión dos seus novos membros, Feijóo incidiu, deste xeito, na contribución deste órgano, desde a súa creación en 1995, para fortalecer a confianza nas institucións públicas da Comunidade.

“Así o entendeu este Consello desde o inicio, cando o recentemente finado José Antonio García Caridad se converteu no seu primeiro presidente”, recordou, aseverando que a esa honrosa labor se entregarán, desde hoxe, Alberte Souto Souto e Nora María Martínez Yánez, aos que deu a benvida, desexándolles sorte e acertos. Unha responsabilidade que tamén seguirán exercendo Ignacio de Loyola Aranguren Pérez e José Luis Costa Pillado.

Nesta liña, precisou que, ao igual que os seus antecesores, ambos contan para exercer as súas funcións cun atributo esencial, sen o cal se entendería este órgano: a plena autonomía orgánica e a liberdade para orientar o labor das administracións públicas.

Nuns tempos marcados por unha profunda incerteza e a desafección, Feijóo aproveitou o acto para facer fincapé na importancia da labor das institucións públicas para blindar a fortaleza dun edificio institucional que erguemos hai décadas e que emana da Constitución, do Estatuto de Autonomía e dun espírito de consenso; “e converter os pousos da desafección nuns afectos e vínculos renovados”.

Ao respecto, concluíu lembrando que un dos grandes remedios contra a incerteza e a desconfianza sempre foi un marco legal xusto que achegue estabilidade e credibilidade, e que canalice a prosperidade e o benestar ao que todos aspiramos.

Imaxes relacionadas