A Xunta desenvolve cursos para facilitar a entrada no mercado laboral de persoas en risco de exclusión social

Programáronse accións formativas de manipulador de alimentos, caixeiro-repoñedor, operador de carretilla elevadora e educación vial nos concellos de Barbadás, Boiro, Ordes, Ribadeo e Vilagarcía, así como no centro penitenciario de A Lama

Estas actividades enmárcanse na Estratexia de Inclusión Social de Galicia

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2021

A Xunta de Galicia iniciou varios cursos de formación dirixidos a persoas en situación ou risco de exclusión social que son atendidas polos Equipos Comarcais de Inclusión Sociolaboral do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Este mes de xaneiro programáronse sete accións formativas en diferentes municipios galegos e no centro penitenciario de A Lama.

Así, nos concellos de Vilagarcía, Ribadeo, Boiro e Barbadás impartíronse cursos de manipulación de alimentos, de catro horas de duración cada un deles e xa rematados. Así mesmo, na localidade ourensá de Barbadás tivo lugar outro curso para formar operadoras/es de carretilla elevadora, de 20 horas de duración, e tamén xa finalizado.

Nestes momentos se desenvolve no concello de Ordes un curso de caixeira/o-repoñedora/or, de 45 horas de duración, e que rematará mañá luns. Ademais, no centro penitenciario da Lama ten lugar un curso de educación vial que rematará o vindeiro martes, día 26, e no que as persoas participantes reciben 25 horas de formación.

Todos os cursos realízanse para un máximo de dez asistentes e garantindo en todo momento as medidas de prevención e recomendacións fronte á covid-19.

Estratexia de inclusión

Estas accións formativas englóbanse na Estratexia de Inclusión Social de Galicia e están cofinanciadas nun 80% polo Fondo Social Europeo no marco do Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020.

A Xunta de Galicia, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, conta na actualidade con 18 oficinas comarcais de inclusión sociolaboral distribuídas por toda Galicia, ás que se suman outros dous equipos ao abeiro do programa Nelson Mandela, que operan nos centros penitenciarios de Teixeiro e A Lama.

Estes equipos ofrecen ás persoas en situación ou risco de exclusión social un conxunto de actuacións e intervencións no ámbito das competencias persoais e sociolaborais por medio de itinerarios personalizados, sempre desde unha visión interdisciplinar e coordinada cos servizos sociais de cada concello.

Imaxes relacionadas