A Xunta pon en valor a transformación dixital das empresas do sector do viño de cara unha viticultura de precisión en Galicia

A Xunta pon en valor a transformación dixital das empresas do sector do viño de cara unha viticultura de precisión en Galicia

Así o destacou o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) no marco dunha xornada técnica para dar a coñecer o proxecto transfronteirizo VINIoT

Esta iniciativa europea conta cun orzamento de 1,4 millóns de euros e céntrase na creación dun novo servizo tecnolóxico de monitorización de viñedos

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2021

A Xunta pon en valor a necesaria transformación dixital das empresas do sector do viño para acadar unha viticultura de precisión na nosa comunidade. Así o destacou o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, no marco dunha xornada técnica de presentación do proxecto transfronteirizo VINIoT, celebrada esta semana de forma online.

Este proxecto céntrase na creación dun novo servizo tecnolóxico de monitorización de viñedos. Este servicio, subliñou o director da Agacal, permitirá ás pequenas e medianas empresas dun dos sectores produtivos máis importantes da nosa comunidade -como é o viño- situadas dentro do espazo SUDOE monitorizar as súas plantacións en tempo real, a distancia e con diferentes niveis de precisión (uva, planta, parcela e viñedo).

Neste senso, José Luis Cabarcos insistiu na necesidade de adaptar as empresas á nova era tecnolóxica, co fin de acadar uns rendementos maiores e ter controladas e vixiadas as plantacións de forma permanente. Desta forma, matizou o director, o sector poderá camiñar cara unha viticultura de precisión e adaptada ás necesidades e demandas do propio mercado, baixo os parámetros de control que establece a propia normativa europea.

Así, o proxecto VINIoT aborda o acceso en tempo real a medidas de parámetros de alto interese e valor engadido para a planificación e toma de decisións dentro do ámbito vitivinícola. Isto é posible a partir dunha rede de sensores que segue unha arquitectura IoT (Internet of Things) e cuxo gran volume de información (Big Data) é procesado con técnicas de intelixencia artificial para a obtención destes parámetros.

Esta xornada técnica, organizada pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), estivo especialmente dirixida a directivos, investigadores, responsables de enxeñería, técnicos e outros profesionais de produción, I+D+i, deseño e loxística. Tamén participaron empresas industriais relacionadas principalmente co sector vitivinícola. Ao longo da mesma, intercambiáronse experiencias cos participantes e debateuse sobre as necesidades e os principais retos do sector vitivinícola.

Proxecto transfronteirizo

A iniciativa VINIoT foi financiada na terceira convocatoria Interreg-SUDOE 2018 e conta cun orzamento de algo máis de 1,4 millóns de euros. O proxecto botou a andar en outubro de 2019 e finalizará en setembro do ano 2022. Nel participan un total de oito beneficiarios, dos cales tres son de Galicia -Asociación de Investigación Metalúrgica del Noroeste (Aimen), líder do proxecto; a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) e a Fundación Empresa-Universidad Gallega (Feuga)-, un da Rioxa, un de Portugal e tres de Francia.

Imaxes relacionadas