A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade supervisou hoxe o resultado das primeiras obras rematadas na contorna, cun investimento superior aos 126.000 euros

A Xunta ofrece a súa colaboración ao Concello de Melide para completar a rede de saneamento na parroquia de Santa María, que suporá un investimento próximo aos 134.000 euros

A nova actuación permitirá realizar por gravidade a conexión das augas residuais das vivendas de Santa María que restan, para a súa conexión co colector xa executado a ambas as marxes da estrada N-547

Vázquez Mourelle avanza que o proxecto de ampliación desta rede de saneamento está rematado e remitirase de xeito inmediato ao Concello

Traslada a vontade de colaboración por parte da Xunta, a través da sinatura do correspondente convenio, ao tratarse dunha actuación de competencia municipal

Pon en valor o apoio que vén realizando a Xunta ao Concello no desenvolvemento das súas competencias municipais en materia de augas, destinando desde o 2007 máis de 2,8 M€ á xestión da depuradora municipal a través de Augas de Galicia

Reitera a disposición a confinanciar a actuación proxectada pola Xunta para a conexión das augas residuais do polígono da Madanela coa depuradora municipal, cunha achega da Xunta a partes iguais con Concello e Deputación

Lembra que o proxecto de acondicionamento e mellora na praia do río Furelos, para a permeabilización do azud e naturalización do leito do río, xa está redactado e en fase de supervisión
 

Melide (A Coruña), 22 de xaneiro de 2021

A Xunta ofrece a súa colaboración ao Concello de Melide para completar a rede de saneamento na parroquia de Santa María, que suporá un investimento próximo aos 134.000 euros.

Así o trasladou hoxe a conselleira de infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, que, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, supervisou o resultado dos traballos levados a cabo pola Xunta para dotar do servizo de saneamento ás vivendas e edificacións por ambas as marxes da estrada N-547 nesta contorna.

Vázquez Mourelle explicou que os traballos xa executados, e entregadas o pasado mes de xullo ao Concello, para a súa conservación e mantemento, supuxeron un investimento superior aos 126.000 euros e contaron co cofinaciamento dos fondos europeos FEADER 14-20.

A obra consistiu na construción dun sistema de algo máis de 1,4 km de lonxitude que recolle as augas residuais urbanas das vivendas que carecían deste servizo, para seren conducidas ata a rede de saneamento existente na parroquia, e que acaba nun bombeo que impulsa as augas residuais cara á depuradora de Melide.

A conselleira lembrou que o inicio destas obras se demorou por mor da adaptación do proxecto inicial aos condicionantes introducidos polo Ministerio de Transportes, para afrontar o problema de cota das vivendas situadas na parte inicial do colector da marxe esquerda. Inicialmente estaba previsto a súa conexión por gravidade.

Sinalou que coa fin de darlle unha solución de saneamento axeitada a eses veciños, a Xunta contratou a redacción doutro proxecto, á marxe da actuación xa executada, coa fin de darlle unha solución de saneamento axeitada a eses veciños. O proxecto supuxo unha achega autonómica de 8.500 euros.

Explicou que a Xunta xa ten redactado e supervisado ese proxecto para a ampliación da rede de saneamento da parroquia de Santa María, que será remitido xa, de forma inmediata, ao Concello. A execución desa obra, de competencia municipal, conta cun prazo de execución previsto de 2 meses e permite realizar por gravidade a conexión das vivendas que restan. Esta nova rede de saneamento conectaría co colector xa executado na actuación previa.

Ethel Vázquez trasladoulle ao Concello a vontade de cooperación da Xunta no financiamento da ampliación da rede para conectar ao saneamento as vivendas da parroquia de Santa María que restan, para o que sería necesario a sinatura do correspondente convenio.

A conselleira de Infraestruturas tamén puxo en valor o importante apoio ofrecido pola Xunta ao Concello de Melide, desde o punto de vista técnico, administrativo e, sobre todo, económico, no desenvolvemento das súas competencias municipais de saneamento e depuración para garantir a prestación de mellores servizos aos veciños.

Lembrou que a depuradora municipal está a ser xestionada a través de Augas de Galicia desde o ano 2007 e que a Xunta leva destinado máis de 2,8 M€ ao mantemento e explotación desta infraestrutura.

Tamén salientou o cumprimento do compromiso por parte da Xunta de apoio técnico ao Concello de Melide para solucionar o problema de vertidos contaminantes ao río Furelos, derivada dos vertidos procedentes do polígono industrial, que ten motivado xa varios expedientes ao Concello.

A finais de decembro entregóuselle ao Concello o proxecto de conexión das augas residuais do polígono da Madanela coa depuradora municipal, proxecto que supuxo un investimento da Xunta de 16.000 €. Segundo explicou Ethel Vázquez, a actuación proxectada permite a execución das obras por parte do Concello, amosando a Xunta a súa disposición a confinanciar un terzo da actuación, a partes iguais con Concello e Deputación.

Tamén se referiu ao proxecto de acondicionamento e mellora na praia do río Furelos, para a permeabilización do azud e naturalización do leito do río, xa redactado e en fase de supervisión.

Imaxes relacionadas