A Xunta a través do GDR e do GALP da Costa da Morte apoiou 18 proxectos no 2020 cun investimento de máis de 1,3M€

O delegado da Xunta participou nun encontro de traballo cos presidentes de ambas entidades para facer balance e definir as estratexias no 2021

Ambos grupos teñen como obxectivo dinamizar e impulsar o desenvolvemento do rural

A Laracha (A Coruña), 22 de xaneiro de 2021

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, mantivo esta mañá, acompañado polo alcalde da Laracha, José Manuel López, un encontro de traballo co xerente do grupo de desenvolvemento rural Costa da Morte (GDR), José Antonio Vila, e co xerente do grupo de acción local do sector pesqueiro (GALP) Costa da Morte, Guillermo González. Ambos grupos teñen como obxectivo dinamizar e impulsar o desenvolvemento do rural e no encontro analizáronse a situación actual e as estratexias a curto e medio prazo.
En relación co traballo que realiza o GDR na comarca, lembrou que agrupa os concellos de Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas. Trenor destacou que no 2020 se puxeron en marcha na comarca nove proxectos que mobilizaron 1,4 millóns de euros con axudas que ascenderon a 431.000€.
O obxectivo destas actuacións foi impulsar o desenvolvemento rural a través dunha estratexia plenamente participativa e baseada nun enfoque “de abaixo a arriba”, de forma que se garanta a participación activa dos principais axentes locais nestas políticas, a través do labor dos GDR. Polo tanto, estes fondos teñen unha repercusión moi positiva sobre o tecido social e económico das zonas rurais de Galicia.

O delegado da Xunta lembrou que a Xunta distribuirá un total de 7,3 millóns de euros entre os 24 GDR galegos, para garantir a continuidade da súa actividade durante os anos 2021 e 2022. Trátase de que, grazas a estas achegas, poidan proseguir coa implementación das estratexias nos distintos territorios mediante a selección de novos proxectos que contribúan a acadar un maior grao de desenvolvemento das áreas rurais, dentro da medida Leader.

A maiores, mediante estas achegas dáse cumprimento ao establecido polo Plan de Reactivación deseñado pola Consellería do Medio Rural no que atinxe ao apoio aos GDR para impulsar medidas para sectores como o agroalimentario, o gandeiro, o forestal, o turístico, o ambiental ou o do pequeno comercio.

Grupos de acción local do sector pesqueiro

En relación co GALP Trenor informou que no ano 2020 desenvolvéronse na comarca 9 proxectos con axudas que ascenderon a 900.000 euros. Deste importe o GALP dedicou o 94,4% ao desenvolvemento de proxectos produtivos e o 5,6% a proxectos non produtivos. Este Grupo aglutina a 51 entidades sociais e a 9 concellos da comarca: Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, A Laracha, Laxe, Malpica, Muxía, Ponteceso e Vimianzo. O representante do Goberno autonómico destacou que os obxectivos deste GALP son o fomento e diversificación produtiva da pesca artesanal, a competitividade sostible das actividades relacionadas co mar e a capacitación e ampliación das competencias dos sectores económicos e sociais.

Trenor informou que os grupos de acción local do sector pesqueiro galego contarán co apoio da Xunta de máis de cinco millóns de euros para asegurar a continuidade da súa actividade durante os anos 2021 e 2022. Desta forma, os grupos poderán continuar coa implementación das súas estratexias de desenvolvemento local participativo nos diferentes territorios mediante a selección de novos proxectos que contribúan ao desenvolvemento sustentable das zonas pesqueiras.

Imaxes relacionadas