A Xunta ultima a adxudicación da cartografía que servirá de base para o Plan básico municipal de Guntín e de oito concellos máis

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse hoxe coa rexedora María José Gómez, a quen lle trasladou os próximos pasos a seguir para avanzar na tramitación deste instrumento de ordenación urbanística

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda adxudicará en breve o contrato da cartografía que servirá de base para redactar os futuros Plan Básicos Municipais (PBM) do Concello de Guntín e doutros oito municipios. Así llo trasladou esta tarde a conselleira Ángeles Vázquez á alcaldesa deste municipio lucense, María José Gómez, no transcurso dunha xuntanza telemática na que abordaron varios asuntos de interese local.

O instrumento urbanístico vixente en Guntín é unha Delimitación de Solo Urbano (DSU) con data de aprobación de 1979, polo que se trata dun dos 37 concellos galegos para os que foi concibida a figura do Plan Básico Municipal. Cómpre lembrar que a Xunta impulsou no seu día esta ferramenta co fin de que municipios de menos de 5.000 habitantes e que non contan con planeamento xeral poidan dotarse dunha ordenación básica que lles permita desenvolver certa actividade urbanística pero sen establecer criterios de crecemento urbano.

A Xunta asumiu directamente a redacción do primeiro PBM de Galicia, o do Concello do Páramo, que precisamente a comezos deste mes iniciou o seu período de información pública, como paso previo á aprobación definitiva. Este documento, tal e como lembrou a conselleira, servirá de guía na elaboración do resto de plans básicos.

Así, precisou que actualmente hai oito concellos que xa están na recta final da tramitación deste instrumento, e que no caso dun segundo grupo de municipios –nove, entre os que se atopa Guntín- xa se dispón das imaxes aéreas necesarias para realizar a cartografía que servirá de base na elaboración dos seus PBM. Unha vez completada a cartografía destes nove concellos, engadiu, comezarase coa redacción dos respectivos plans, uns traballos nos que a Xunta investirá máis de 765.000 euros e que se adxudicarán tamén este mesmo ano.

Neste sentido, Ángeles Vázquez trasladoulle á alcaldesa que o Goberno galego pretende darlle un pulo importante en 2021 aos Plans Básicos Municipais, polo que nos orzamentos da súa Consellería se reserva unha partida de 842.000 euros para sufragar os custos relativos ao cartografado, elaboración e aprobación destes documentos.

Proxecto de mellora dunha área recreativa

Noutra orde de asuntos, a Consellería tamén estudará a posibilidade de colaborar co Concello de Guntín nun proxecto municipal para mellorar a área recreativa das piscinas municipais no río Ferreira. Neste sentido, cómpre lembrar que a Xunta leva 10 anos apoiando ás entidades locais a través do chamado Plan Hurbe na execución de diferentes tipos de intervencións e proxectos urbanísticos que contribúan a crear, mellorar ou humanizar equipamentos de uso común e colectivo.

De feito, Guntín foi un dos concellos que se beneficiou deste programa, grazas ao cal no ano 2016 puido levarse a cabo a rehabilitación da estrada do grupo escolar, unha obra na que se investiron 60.000 euros, cofinanciados entre a Consellería e o propio Concello.

Neste sentido, Ángeles Vázquez comprometeuse a analizar este novo proxecto urbanístico na contorna das piscinas municipais do concello, lembrando que nos orzamentos de 2021 o seu departamento dispón de case 7,5 millóns para colaborar en actuacións destinadas tanto á mellora de equipamentos públicos como á humanización das contornas urbanas.
 

Imaxes relacionadas