A Xunta incorporará melloras nos servizos de transporte interurbano nas áreas da Coruña e Ferrol para favorecer a mobilidade de veciños e traballadores

A empresa titular da concesión comprometeuse a concretar adaptacións en horarios e paradas para atender as demandas formuladas pola Dirección Xeral de Mobilidade nunha xuntanza mantida este mércores

Os cambios buscan responder ás necesidades de traballadores e estudantes que se desprazan á Coruña e Ferrol, así como ampliar as conexións de Ares e Miño

As melloras son froito do seguimento continuo que leva a cabo o Goberno galego sobre o funcionamento dos contratos de transporte interurbano implantados recentemente
 

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2021

A Xunta incorporará melloras nos servizos de transporte interurbano nas áreas de influencia da Coruña e de Ferrol, logo de detectar posibilidades de optimización.

Así o acordou este mércores a Dirección Xeral de Mobilidade co operador da concesión que presta os servizos correspondentes co norte da comarca de Betanzos, sur da de Ferrol e oeste da de Eume, nunha reunión mantida para analizar as propostas de adaptación de paradas e horarios dalgunhas liñas implantadas recentemente.

Na xuntanza, a empresa comprometeuse a remitir coa maior brevidade as modificacións concretas coas que levar a cabo os cambios formulados polo Goberno galego para cada un dos servizos nos que se prevé unha maior optimización.

Así mesmo, tal e como se lle solicitou desde a Dirección Xeral de Mobilidade, a empresa trasladou que está intensificando o traballo de divulgación da información nas paradas cos últimos axustes realizados nos servizos. A concesionaria ten á disposición dos usuarios os horarios en diferentes formatos na súa páxina web, que tamén están á disposición dos interesados na web da Xunta www.bus.gal.

Entre as principais melloras propostas atópase o servizo A Coruña-Ferrol dirixido a traballadores que se desprazan entre estas dúas cidades, que se reforzará con vehículos de maior capacidade na franxa horaria con maior demanda e incrementará o número de paradas, algo que deberá acordarse previamente co Concello da Coruña. Ademais tamén se estudará unha mellor adecuación dos horarios das expedicións.

No caso dos servizos para os estudantes da Universidade da Coruña, en sentido entrada na cidade herculina, ademais dos servizos xa presentes na concesión e que conectan cos diferentes campus, contémplase incluír unha parada na estación de autobuses que permitirá enlazar coas liñas urbanas municipais para desprazarse dentro da propia cidade.

No que se refire á comunicación entre A Coruña e Ferrol en sentido saída, nalgunhas expedicións directas con Ferrol incluirase unha parada en Alfonso Molina-Carrefour para mellorar os servizos que se lle prestan aos universitarios.

Tamén se traballa para adecuar as expedicións que paran nos núcleos de Chanteiro, Cervás e Lubre, do concello de Ares, de xeito que dispoñan de conexión na franxa de media mañá con Ares. Esta ampliación dos servizos a estes núcleos levarase a cabo, previsiblemente, mediante a adecuación dos servizos da liña que une Praza de Galicia (Ferrol), Ares e Mugardos.

Tamén se propoñen cambios para adecuar o servizo dirixido aos alumnos de Miño que estudan no instituto de Pontedeume. Tras a solicitude do Concello de adaptar os horarios dos autobuses á saída dos estudantes, o operador traballa no axuste de horarios das expedicións que atenden estes tráficos.

As melloras analizadas este mércores coa empresa concesionaria son produto do seguimento continuo que a Xunta está a realizar sobre os novos contratos de transporte interurbano que se implantaron o pasado 23 de decembro coa fin de ofrecer servizos mellor adaptados ás necesidades da cidadanía.

 

Imaxes relacionadas