A Xunta ofrece novamente a súa colaboración para solucionar os problemas de mobilidade dos veciños da parroquia de Ortoño, no concello de Ames

Reitera o seu apoio técnico e administrativo para que o Concello de Ames acade un acordo co Concello de Santiago para a prolongación da liña urbana que garanta a prestación dese servizo, como se viña facendo ata o de agora

A prestación do servizo no marco do Plan de Transporte Público de Galicia, como reclama o Concello de Ames, suporía unha merma na calidade do servizo que se lles viña prestando aos veciños, xa que non cubriría servizos nin paradas internas dentro do municipio compostelán, ao ser esta unha competencia municipal

Ademais de financiar o déficit de todo o transporte interurbano que atende os veciños de Ames, a Xunta achega ao ano preto de 1 millón de euros para bonificar as viaxes con orixe ou destino no concello de Ames e para a tarxeta Xente Nova coa que os menores de 21 anos viaxan gratis no autobús interurbano da Xunta

Actualmente 19.800 veciños de Ames benefícianse das bonificacións que supón o emprego da Tarxeta de Transporte Metropolitano e 3.442 mozos de Ames teñen autobús gratis como usuarios da tarxeta Xente Nova

A Xunta financia tamén a integridade dos transbordos co autobús urbano de Santiago

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2021

A Xunta ofrece novamente a súa colaboración para solucionar os problemas de mobilidade dos veciños de Ortoño, que pasan por que o Concello de Ames acade un acordo co Concello de Santiago de Compostela para restituír a prolongación da liña urbana que garanta os servizos de autobús aos veciños da parroquia amiense, como se viña facendo ata o de agora.

Ao tratarse da prolongación dunha liña urbana, a Xunta carece de competencias para que o bus urbano do Concello de Santiago preste servizos en Ortoño, no concello veciño de Ames, tal e como viña facendo.

Con todo, e coa fin de arranxar un problema que afecta á mobilidade dos veciños, a Xunta reitera a súa vontade de colaboración para tratar de atopar unha solución satisfactoria para ambos os dous concellos que garanta a prestación do servizo, poñendo á disposición das administracións locais o apoio técnico e administrativo que precisen.

Cómpre ter en conta que a Xunta xa colaborou con concellos como Teo, Oleiros, Culleredo ou Arteixo para artellar os convenios coas cidades de Santiago de Compostela e A Coruña para a prolongación do servizo do correspondente autobús urbano ata certas parroquias deses concellos. En todos eses casos os concellos beneficiados asumen o custo derivado de ofrecer ese servizo aos seus veciños.

A liña de autobús urbano de Santiago que prestaba servizo a Ortoño non forma parte do ámbito do Plan de Transporte Público de Galicia, que configura o servizo de titularidade autonómica e que vén de completar a súa implantación o pasado día 23 de decembro.

A prestación do servizo aos veciños de Ortoño no marco do Plan de Transporte Público da Xunta, como reclama o Concello de Ames, suporía unha merma na calidade do servizo que se lles viña prestando ata o de agora aos veciños a través da prolongación da liña urbana do Concello de Santiago.

A propia natureza do Plan de Transporte Público de Galicia, que atende os servizos de transporte interurbano de competencia da Xunta, e non servizos urbanos dentro dos propios concellos ao ser esta unha competencia municipal, imposibilita que se poidan cubrir os servizos interiores de cada municipio e que se poidan facer paradas internas.

A Xunta vén realizando un importante esforzo a través do transporte interurbano para garantir as comunicacións entre Santiago e Ames.

Ademais de financiar o déficit de todo o transporte interurbano que atende os veciños de Ames, a Xunta achega cada ano preto de 1 millón de euros para bonificar as viaxes con orixe ou destino no Concello de Ames e as bonificacións da tarxeta Xente Nova, coa que os menores de 21 anos poden viaxar de balde no autobús interurbano da Xunta. Actualmente máis de 19.800 veciños de Ames benefícianse das bonificacións que supón o emprego da Tarxeta de Transporte Metropolitano, TMG, e 3.442 mozos de Ames dispoñen da tarxeta Xente Nova coa que viaxan de balde no autobús interurbano da Xunta.

Todos os usuarios da tarxeta TMG e da tarxeta Xente Nova benefícianse tamén os transbordos gratuítos co autobús urbano de Santiago, algo que financia integramente a Xunta.

Tamén os novos contratos de autobús interurbano da Xunta que botaron a andar o pasado 23 de decembro recollen melloras nas comunicacións entre Santiago e Ames. Entre outras optimizacións, incorporouse a parada no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago en varios servizos diarios que anteriormente non dispoñían dela. Así, un total de 93 servizos diarios permiten a conexión directa co centro hospitalario de referencia na zona.

Ampliáronse ademais os horarios de varias liñas para favorecer os traslados de estudantes e traballadores entre Ames e Santiago a primeira hora da mañá e á última hora do día.

En total, a nova oferta de transporte público na zona da Comarca de Santiago superará os 154.000 servizos anuais, sumando máis de 2,8 millóns de quilómetros percorridos.