A Xunta colabora co Concello de Cenlle na humanización e no reforzo da seguridade da travesía de Trasariz mediante un investimento de máis de 170.000 euros

Trátase de executar unha senda peonil ao longo do treito de 450 metros de lonxitude que une un tramo antigo da N-120 co núcleo de Trasariz

As obras mellorarán a accesibilidade para as persoas con mobilidade reducida e acondicionarán o contorno da Casa do Concello

A Xunta asumirá o custo das actuacións, correspondéndolle á Administración local a redacción do proxecto e a execución das obras, así como asumir a titularidade desta travesía

Ethel Vázquez pon en valor a aposta da Xunta pola mellora das infraestruturas e polo fomento dunha mobilidade a pé máis segura e sustentable, tamén nos municipios máis pequenos, contribuíndo á calidade de vida dos seus veciños
 

Cenlle (Ourense), 20 de xaneiro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez e o alcalde de Cenlle, José Manuel Rodríguez, asinaron hoxe un convenio de colaboración para impulsar a humanización e o reforzo da seguridade na travesía de Trasariz, que suporá un investimento autonómico de máis de 170.000 euros.

Ao remate do acto de sinatura do documento, no que tamén participou o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, a titular de Infraestruturas da Xunta puxo en valor esta cooperación para facer máis humana, mellor adaptada á mobilidade peonil, esta travesía de titularidade autonómica, de preto de 450 metros de lonxitude, que conecta un treito antigo da N-120 co núcleo de Trasariz.

A conselleira sinalou que a suma de esforzos da Xunta e o Concello permitirá construír unha senda para favorecer o tránsito seguro dos veciños de Cenlle, ao tempo que se mellorará a accesibilidade para persoas con mobilidade reducida e se contribuirá a humanizar o contorno da Casa do Concello.

O convenio asinado hoxe recolle os traballos necesarios para a execución dese itinerario peonil, nesta travesía que non dispón actualmente de beirarrúas nin delimitación de carrís, pero conta cun ancho suficiente para poder construír esa senda.

As actuacións proxectadas permitirán a execución dunha senda pavimentada e con bordo de formigón a ambos os dous lados, como separación co propio pavimento da travesía. Os traballos inclúen a instalación de tubos e sumidoiros para lograr a correcta drenaxe da escorrenta superficial e, tamén, xunto ao edificio do Concello, a execución dun muro de contención coa fin de lograr un maior espazo para dar cabida á senda. Ademais, renovarase a sinalización vertical e horizontal ao longo da travesía.

 

A Xunta asume o custo da execución destas actuacións mentres que o Concello se compromete a redactar o proxecto e a contratar e executar as obras. A entidade local asumirá, ademais, a titularidade da travesía de Trasariz, para o que desde o departamento que dirixe Ethel Vázquez se está a tramitar o correspondente decreto de cambio de titularidade.

Ethel Vázquez enmarcou este convenio na aposta do Goberno galego pola mellora das infraestruturas e polo fomento dunha mobilidade a pé máis segura e sustentable, tamén nos municipios máis pequenos coma este de Cenlle, contribuíndo á calidade de vida dos seus veciños.
 

Imaxes relacionadas